O responsable de Internet das Cousas (IoT) e Transformación dixital da compañía R, Alberto Díaz Freire, pilotou este xoves 11 de febreiro o webinar dun novo almorzo dixital da operadora galega, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia.
En formato virtual, respondendo ás demandas de seguridade que arroxa a crise sanitaria, participaron no encontro arredor dun cento de profesionais e empresarios, todos eles co interese común de “avanzar no reto ineludible da dixitalización”. Un dos termos clave do encontro foi o concepto de mindset, ou programación mental.
Segundo explicou Alberto Díaz, trátase dun concepto que “fai referencia ao conxunto de pensamentos e crenzas que dan forma á nosa mente, determinando como nos comportamos”. Engadiu que aplicado ao mundo da tecnoloxía e a innovación na contorna empresarial, este termo lévanos a cuestionarnos na actualidade en que debe cambiar a nosa mente, como debemos “mentalizarnos”, cales son as ideas e as claves que van permitir aos nosos negocios competir, modernizarse, avanzar e optimizarse.
No encontro, titulado Mindset Dixital, o necesario para que unha empresa teña una verdadeira mentalidade dixital, Alberto Díaz avanzou as claves para consolidar un auténtico espírito transformador en toda a organización, que lle permita levar a cabo con éxito “a estratexia de dixitalización”.
Segundo explicou, o dato é e continuará sendo o activo máis importante na nosa organización porque “todo deixa hoxe un rastro dixital, todos somos sensores dalgunha maneira e é preciso que predispoñamos a nosa mente para aproveitar esas vantaxes nas nosas empresas”.
Díaz subliñou tamén que o paso do tempo non desfocalizou o/a cliente/a como referencia primeira dos modelos de negocio actuais: “O/a cliente/a segue a ocupar un lugar central, no núcleo do discurso; mais os contextos cambian e debemos responder agora a persoas que buscan rapidez e axilidade para cubrir as súas necesidades dende diferentes dispositivos tecnolóxicos. (…) A clave está, polo tanto, en adaptarnos ao que reclaman os/as clientes/as á hora de usar a tecnoloxía”.
O mindset dixital, eixo temático dun novo almorzo de R no que participaron un cento de profesionais
Compartir Este Artigo

