O Goberno galego vén de dar detalles relevantes do que vai ser, a súa vindeira rede de telecomunicacións, unha infraestrutura que, segundo informou a Xunta, marcará un antes e un despois na historia tecnolóxica de Galicia. En primeiro lugar, porque terá a capacidade de “dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital”. A empresa que gañou o primeiro lote do contrato para desenvolver a rede non é outra que Telefónica.
A rede inclúe todas as liñas de comunicacións dos centros, o acceso a internet e a telefonía fixa por importe de 33 M€, con máis de 5,1 M€ de rebaixa sobre o importe de licitación. Nestas semanas decidirase a adxudicación do segundo lote, o da telefonía móbil.
“Isto”, informouse, “supón un fito histórico na mellora de conectividade da rede corporativa da Xunta de Galicia, xa que o 100% dos centros disporán de fibra óptica con velocidades simétricas, de forma que contarán coas mellores tecnoloxías de conectividade existentes ata a data, tanto en canto á velocidade, como en fiabilidade e rendemento”. O Goberno galego incide en que o devandito feito implicará que “o operador faga un enorme investimento en Galicia, achegando a tecnoloxía FTTH (Fibra Até o Fogar) a moitas poboacións onde era inviable contratar este tipo de servizos”.
No informe faise saber, tamén, que 2.542 centros (94 % do total) contarán con, polo menos, 1 Gbps simétrico, o que incluirá a totalidade dos centros escolares, “o que suporá un incremento de velocidade sen precedentes, especialmente na velocidade de subida, necesaria para a impartir clases en liña ou realizar vídeo-conferencias”.
Asemade, incorporarase un plan de mellora anual da velocidade de conexión para “que o paso do tempo non poida supoñer unha limitación fronte ás melloras das tecnoloxías do futuro, podendo chegar a duplicar cada ano o largo de banda das conexións FTTH ata 10 Gbps no 2024”.
Administración Electrónica e 5G, novo impulso
O capítulo de melloras posibilitará, entre outras cousas, impulsar as canles dixitais de cara aos cidadáns A Xunta salienta tamén a mellora das liñas de respaldo, que son as que entran en funcionamento no caso de que se produza un corte na liña principal, que pasarán a dispoñer de 2.677 liñas de respaldo con velocidades de 350 Mbps ou superior, baseadas en tecnoloxías de fibra óptica e 5G, o que colateralmente supoñerá unha mellora de cobertura sen fíos 5G en Galicia.
Amais, para todos os casos nos que a liña de respaldo estea baseada en 5G, o operador poñerá á disposición da Xunta de Galicia unha terceira liña adicional para o tráfico de voz, de forma que, mesmo nas circunstancias máis adversas, estea garantido o servizo de telefonía IP (Protocolo de telefonía por Internet) dos centros. “Esta mellora ofertada supón 1.333 liñas adicionais ao que solicita no concurso”, engadiu o Goberno galego.
Melloras en telefonía fixa
En telefonía fixa renovaranse todas as centrais de telefonía da rede corporativa cunha capacidade de 120 chamadas por segundo, pasando a contar co 100% das liñas con tecnoloxía IP. Todo o sistema de telefonía será completamente redundante activo-activo, o que significa “que garantirá que non haxa corte de servizo en ningún momento”.
Neste ámbito, contémplanse as ferramentas para o emprego dos teléfonos corporativos da Xunta de Galicia desde calquera localización.
O acceso á internet corporativa tamén se verá incrementado, “contando desde o inicio do contrato con equipamento que permitirá chegar ata os 100 Gbps no caso de que sexa necesario”, explícase.
Novos servizos
O Goberno autonómico salienta igualmente as prestacións do sistema de vídeo-conferencias ofertado (para 58.500 usuarios), que “permite organizar reunións de forma segura de ata 1.000 participantes e organizar seminarios web de ata 3.000 asistentes, para todos os usuarios dos ámbitos educativo, corporativo e xustiza”.
Ademais, é compatible cos sistemas operativos de PC, tabletas, smartphones, e tamén coa posibilidade de usar con equipos de vídeo-conferencia de sala.
Inclúese a dotación dunha plataforma de streaming avanzado que posibilita a retransmisión de vídeos en directo, que é necesaria para accións de comunicación en liña.
A maiores, a Xunta terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conexión a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade.
A Xunta encarga a Telefónica unha rede para responder a todas as esixencias da administración dixital
Compartir Este Artigo

