O Concello de Cambre vén de facer balance dos froitos acadados, en materia de servizo á cidadanía e resolución de incidencias, a través da aplicación móbil Avisos Cambre. Segundo fai saber, en 2020 rexistráronse 2.697 notificacións por parte da cidadanía. Delas, resolvéronse o 70%.
Do total de avisos achegados polas veciñas e veciños, os servizos técnicos solucionaron 1.855. No balance faise saber que a cifra de avisos experimentou unha baixada do 13,61% con respecto ao 2019, cando se recibiron 3.122 ao longo do ano (os meses de confinamento domiciliario por mor da COVID-19 estiveron detrás desta baixada).
O Concello de Cambre lanzou esta aplicación móbil, de carácter gratuíto, en outubro de 2016. Desde entón, a ferramenta recibiu preto de 10.000 incidencias. O alcalde, Óscar García Patiño, agradece o “compromiso da veciñanza, que cos seus avisos axuda a seguir mellorando o municipio”. O rexedor avanza que o Concello está a traballar xa na implantación de novas canles de comunicación para a cidadanía.
A través desta ferramenta, a cidadanía pode crear incendias documentándoas con fotos, localización e texto, e remitilas para que sexan atendidas polos servizos técnicos municipais. Por medio desta ferramenta, tentan resolverse avisos relacionados coa iluminación pública, vinculados a danos no mobiliario urbano (papeleiras, bancos, xogos en parques infantís, etc.), en sinais de tráfico, pintura viaria, beirarrúas, maleza en zonas públicas, aparición de fochas de camiños e reparacións en instalacións municipais, entre outras.
A app Avisos Cambre recibiu en 2020 preto de 2.700 notificacións da cidadanía
Compartir Este Artigo

