Amparo Alonso, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), participa este martes 23 de febreiro nun debate sobre economía circular e sistemas con capacidade para aprender, xestionar información e tomar decisións. Trátase do debate Industria intelixente e medio ambiente: de cara a un futuro sustentable, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC) e a Fundación La Caixa. O obxectivo é “poñer ao alcance da cidadanía as ferramentas para entender e reflexionar sobre como utilizar a Intelixencia Artificial para facer un mundo máis sostible no ámbito económico, social e medioambiental mediante a Industria 4.0”.
Esta actividade forma parte da segunda edición do ciclo Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá, un proxecto de ciencia cidadá impulsado polas ditas entidades que busca facer unha reflexión sobre o impacto que teñen os recursos da IA nas nosas vidas.
A investigadora do CITIC e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos, compartirá mesa co responsable da Unidade de Soporte Tecnolóxico do Centro de Visión por Computador, Coen Antens; o co-fundador e director científico de Aizon, Antoni Manzano; e a secretaria da Secretaría de Medio Ambiente e Sustentabilidade da Generalitat de Catalunya, Marta Subirà.
Este foro terá lugar no Palau Macaya o martes 23 de febreiro ás 18h. Tamén se emitirá online a través das redes sociais do CVC.
Amparo Alonso participa nun debate sobre o potencial da IA para acadar unha economía máis sustentable
Compartir Este Artigo

