A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) confirmou a súa participación na posta en marcha da plataforma Seguir Creando en Dixital, que, entre outras cousas, reclama que a adaptación da directiva europea recoñeza dereitos de propiedade intelectual.
En detalle, esixe ao Goberno de España que a “a próxima transposición á lexislación española da directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital recoñeza de xeito claro e específico os dereitos de propiedade intelectual e a súa xestión colectiva obrigatoria e irrenunciable”.
Seguir Creando en Dixital destaca a súa preocupación ante “a posibilidade de que a transposición non reflicta o dereito lexítimo das/os autoras/es a unha negociación colectiva con transparencia sobre as condicións de explotación das súas obras, sobre os usos aos que son sometidas e sobre a remuneración que lles corresponde e á que alude o artigo 15 da directiva”.
A fronte común está formada por representantes das máis diversas asociacións profesionais e entidades de xestión de dereitos (xornalistas, escritoras/es, fotógrafas/os, guionistas, tradutoras/es, compositoras/es, intérpretes e outros/as creadores/as que fan posible a cultura e o xornalismo). Entre as reclamacións que fan chegar ao Goberno central figuran medidas para “protexer o talento creativo contra as grandes plataformas tecnolóxicas que explotan o contido cultural e obteñen grandes beneficios sen que os/as creadores/as sexan axeitadamente remunerados/as”. Piden tamén “garantir a presenza autoral negada por plataformas, agregadores e propietarios/as das redes sociais máis importantes” e a posibilidade real “de negociar coas plataformas tecnolóxicas que explotan os contidos para chegar a acordos, nun marco de negociación solidaria, equitativa, non discriminatoria e transparente que garanta que os/as creadores/as reciban unha parte adecuada e xusta dos ingresos que xera o modelo de negocio para a explotación de contidos dixitais, tal e como dita a directiva”.
A AELG súmase á plataforma reivindicativa Seguir Creando en Dixital
Compartir Este Artigo

