As instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiron este martes 18 de maio a visita do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen acudiu acompañado do reitor Julio Abalde. O motivo da visita foi a inauguración oficial do novo Demostrador Tecnolóxico do CITIC, co-financiado polo Goberno galego. Rodríguez salientou que o CITIC é “un referente no eido da I+D+i aplicada ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación” e destacou “a importancia deste novo espazo para a Intelixencia Artificial en Galicia”.
Román Rodríguez subliñou que Galicia conta “cun sistema investigador de primeiro nivel, punteiro e recoñecido no panorama nacional e internacional, con espazos coma o CITIC, un dos oito centros acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia”. Tamén lembrou a importante aposta do Goberno galego polo CITIC, no que “inxectamos preto de 3M€ entre 2020 e 2022 para blindar o financiamento das súas principais liñas de investigación”.
O conselleiro visitou a nova sala xunto co reitor, o presidente do Consello Social desta universidade, Antonio Abril, e o director do centro, Manuel González Penedo. Sobre o Demostrador Tecnolóxico, Román Rodríguez enxalzou a “súa utilidade” para achegar á cidadanía proxectos punteiros en áreas como a Ciencia ou a Enxeñería de Datos, a Computación de altas prestacións, a Ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial.
Ao respecto, o conselleiro salientou que a IA é “unha disciplina en alza na que este centro destaca especialmente e que a Xunta apoia decididamente como quedou acreditado tras o recente acordo cos tres reitores para impartir o grao e o mestrado interuniversitario centrado nesta materia”.
E engadiu: “Estamos convencidos de que esta nova sala de Demostrador Tecnolóxico realizará un labor fundamental á hora de achegar os distintos avances e proxectos que aquí se realizan”.
Espazo de divulgación
A nova sala, que leva o nome de Demostrador Tecnolóxico, é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, que se empregará para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.
O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de vídeo-conferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e Realidade Aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.
A sala, na que se materializou un investimento que supera os cen mil euros, está co-financiada pola propia UDC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC.
Román Rodríguez enxalza a excelencia do CITIC na inauguración do seu Demostrador Tecnolóxico
Compartir Este Artigo

