A Deputación de Ourense presentou ante a Comisión Europea o proxecto Silvan de Intelixencia Artificial para a prevención de incendios. O director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Fernando Suárez, foi o encargado de debullar os detalles da iniciativa, que se vai desenvolver no concello de Cualedro, unha das zonas de toda Europa máis afectadas polos lumes forestais, coa instalación de sensores que permitan recoller e procesar información en tempo real para axilizar a resposta dos servizos de extinción.
Como dixemos, a prevención de incendios forestais e a redución dos tempos de resposta aplicando sistemas de Intelixencia Artificial constitúen os obxectivos do proxecto Silvan, deseñado pola Deputación de Ourense e co-financiado pola Comisión Europea no marco do programa Context Broker.
O proxecto Silvan, presentado este 29 de xuño ante os responsables comunitarios nun webinar no que participou o director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Fernando Suárez, baséase no uso de ferramentas disruptivas de análise de datos para a instalación de sensores que permitan facer monitoraxe do estado dos montes, recoller e procesar información en tempo real e xerar alarmas, utilizando para este fin tecnoloxías avanzadas como o procesado dixital de imaxes, a Internet das Cousas e mesmo drons.
“Trátase dun conxunto de sistemas que facilitará a prevención de incendios forestais e a redución dos tempos de resposta dos servizos de extinción”, fixo saber, engadindo que as probas iniciais do sistema levaranse a cabo en Cualedro. No caso de obter os esperados resultados, a institución provincial valorará a súa aplicación noutros puntos da provincia de Ourense con alta actividade incendiaria, promovendo a súa utilización como caso de éxito por parte da Comisión Europea.
No proxecto europeo Context Broker a Deputación de Ourense ten como socios ás cidades de Sevilla e Benidorm, que tamén veñen de apostar pola dixitalización con proxectos relacionados co seguimento e control de edificios históricos ou a súa aplicación en actividades de ocio activo e saudable.
Fernando Suárez presenta ante a Comisión Europea o proxecto Silvan para combater os lumes con Intelixencia Artificial
Compartir Este Artigo

