Pintos & Salgado Avogados, primeiro bufete de Galicia especializado integramente en Dereito TIC, vén de ser acreditado co Selo de Empresa éTICa, unha certificación que busca pór en valor a aquelas empresas do sector que poñen especial interese nun escrupuloso seguimento das consideracións éticas para a súa actividade diaria.
O bufete galego foi pioneiro no subministro de solucións xurídicas no ámbito das novas tecnoloxías. Acumula máis de 20 anos de experiencia en consultoría legal informática, propiedade intelectual e auditoría e implantación da normativa de protección de datos de carácter persoal.
Con este recoñecemento Pintos & Salgado comprométese a cumprir as directrices do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría en Informática, e ademais contará co apoio da Comisión de Ética e Deontoloxía do CCII (Consejo General de Colegios Oficiales de Engeniería en Informática) para os seus desenvolvementos tecnolóxicos.
O Selo de Empresas Éticas
Esta acreditación é unha iniciativa de non obrigada adhesión que persegue apoiar as múltiples iniciativas en relación ao impacto ético da informática para que as empresas éticas xeren confianza na nosa sociedade, tanto en España como na Unión Europea e todos os seus Estados membros. A creación deste selo e dun rexistro das empresas que conten con el no CCIII, busca pór en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas.

