
Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (A Barcala, Cambre) son as autoras deste traballo que se impuxo na categoría A do certame dirixida a 2º Ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.
O obxectivo de Explícoche Matemáticas 2.0 é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. No acto de entrega celebrado este mércores, tomaron parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e a subdirectora de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Lourdes Batán Aira.
As vencedoras recibiron un galardón dotado con 200 euros.
Asemade, concedéronse dous accésits de 100 euros cada un aos vídeos Explícoche matemáticas cociñando e xogando de Aroa Blanco Guerreiro (IES Castro da Uz) e Pódese chegar á lúa dobrando un papel? de Alba Casás Fuentes (IES Manuel Murguía).
O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos As inecuacións de Andrea Freire Valiño (IES Pontepedriña) e Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real (IES Mendiño).
Finalmente, concedeuse un cuarto premio ao vídeo mellor valorado polas/os internautas, segundo o número de gústames acumulados na canle de YouTube Matemáticas USC e dotado con 100 euros. O traballo premiado foi Coñeces a banda de Möbius? de Hada Galán Lamas (Escola Waldorf Meniñeiros). A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.
O número de vídeos presentados a esta edición do concurso foi de 56 na categoría A e de catro na categoría B.
Un vídeo sobre a informática pioneira Ada Lovelace, gañador do certame Explícoche Matemáticas 2.0
Compartir Este Artigo

