A directora de Formación e Colocación, Zeltia Lado, presentou este 1 de xuño á Asociación de Empresarios Novos de Galicia (AJE) o curso Mocidade é Dixital, que pretende formar á mocidade autónoma na dixitalización do seu negocio e no e-commerce, poñendo o foco nas oportunidades que este ámbito abre para a reactivación económica.
O programa, enmarcado dentro da iniciativa Autónomos Dixitais, quere capacitar á xuventude autónoma de ata 30 anos de mellorar o grao de dixitalización dos seus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á crise económica grazas ao comercio en liña.
A directora xeral explicou que este programa constará dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto e-commerce, de 50 horas de duración, e outro curso de Especialista en e-commerce, tamén de 50 horas. Engadiu que ambos son cursos dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas.
A iniciativa Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con 1.200 participantes na primeira edición e catro perfís aos que vai dirixida: o da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da COVID-19; e, tamén, aos autónomos maiores de 45 anos.
Cada perfil consta de dous cursos de balde en formato dixital: unha actividade formativa básica sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a especialización neste ámbito concreto.
Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.
A Dirección Xeral de Formación adestra aos autónomos en e-commerce
Compartir Este Artigo

