A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) celebrou en liña, este primeiro de xullo, a súa asemblea xeral ordinaria, na que, entre outros aspectos, aprobáronse as contas de 2020 e renovouse a directiva. Fíxose saber que malia a complexidade da pandemia, a entidade foi quen de rematar o pasado exercicio “cun resultado positivo e sen débedas”, dous fitos aínda máis destacables debido á situación sanitaria e económica actual.
Amais, como dixemos, levouse a cabo a renovación da directiva, na que cambian todas as súas persoas integrantes, agás na presidencia, na que seguirá Carlos Rodríguez (da empresa Librebit), e nunha das vogalías, a correspondente a Pablo Sanxiao (Icarto). Na vicepresidencia Bárbara Román (NoLegalTech) substitúe a Fátima Rodríguez (Deindo Ideas); Miguel González (Aitire) pasa a ocupar a secretaría no lugar de María Xosé Fernández (Dimensiona); na tesourería, Iván Prieto (Libreinnova) colle o relevo de André Castelo (APDTIC); e Cristina Gomis (Tagen Ata) cede o seu posto como vogal a Pilar Vila (Forensic & Security). Ademais, Manuel Míguez (3.14) pasa a ocupar unha nova vogalía.
O novo equipo responsable de AGASOL afronta un escenario de crecemento para a asociación que na actualidade “é a máis importante e representativa do ámbito do software libre en Galicia, xa que representa a case unha trintena de empresas, entre elas grandes referentes dentro e fóra de Galicia e de España”. De feito, as empresas asociadas a AGASOL teñen negocio en 18 países de catro continentes, en mercados tan consolidados como EE UU, Alemaña, Xapón, Corea do Sur ou Finlandia.
Entre os desafíos de 2021 e os vindeiros exercicios o novo equipo de dirección sinalou que “seguirá sendo unha prioridade a ampliación do número de empresas socias, así como reforzar o sector do software libre e manter a súa posición consolidada de interlocución, tanto con entidades públicas como privadas”. Amais, en Galicia AGASOL vén de renovar a súa participación no Plan de Software Libre que promove a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), como “un dos seus principais axentes”. Á parte da súa actividade técnica no eido do software libre, a asociación lembra que é “unha das entidades que máis contribúe a visualizar as mulleres nas profesións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas nas súas siglas en inglés), grazas á organización das xornadas Girl STEM en centros de ensino galegos, nas que participan referentes nacionais e internacionais que inspiran a rapazas e rapaces para ampliar o seu abano de opcións en carreiras científico-técnicas.
AGASOL renova directiva e afianza a súa posición como referente en software libre
Compartir Este Artigo

