O Concello de Lugo anunciou esta semana que va actualizar o inventario municipal cunha aplicación informática que permitirá, ademais “a xestión integral do patrimonio”. A xunta de Goberno local aprobará a vindeira semana a apertura do procedemento de contratación do servizo que ten un valor estimado de 139.499 euros. A licitación abeirase ao proceso de transformación e modernización da administración local iniciado por Lara Méndez durante o pasado mandato. O documento recolle a existencia, entre outros, de 5.740 inmóbeis, 240 bens históricos artísticos e 189 vehículos.
A propia rexedora subliñaba este 8 de xullo a importancia da actuación, en tanto “permitirá ter perfectamente identificados todos os bens que están en posesión da institución, coñecendo con exactitude a súa cantidade e características e garantindo así un mellor control, uso e aproveitamento dos mesmos”.
A alcaldesa engadiu que a nova metodoloxía “inclúe a xeorreferenciación para concretar a localización das propiedades municipais co obxectivo de facilitar a integración de ferramentas GIS”. Tamén indicou que a empresa adxudicataria deberá, pois, identificar todos e cada un destes bens mediante referencia catastral (sempre que iso sexa posible) e coa finalidade de poder coñecer ou seu posicionamento espacial, tanto de forma individual como pola zona xeográfica que se sinale na planimetría en vigor, “clasificalos atendendo a criterios físicos, analíticos e de xestión”.
Polo tanto, o novo sistema, a través da correspondente plataforma, permitirá coñecer de todos e cada un dos bens aspectos como a súa identificación (con referencia catastral, xeorreferencia e ortofoto, no caso do inmobilizado material), definición, situación xurídica, natureza, vida económica, custo de adquisición e valor, investimentos realizados, realidade patrimonial, datos específicos de cada epígrafe, características técnicas e funcionais, etc., debendo asegurar, alén, o histórico de todas as operacións que se realizaron para cada un dos bens que integran o patrimonio do Concello.
Lugo habilitará unha aplicación para actualizar o inventario municipal e xestionar o patrimonio
Compartir Este Artigo

