Preto de 23.000 escolares participaron nos programas didácticos organizados pola Xunta nos seus equipamentos culturais ao longo do curso 2020/2021, accións dirixidas a botar man das novas tecnoloxías e os formatos en liña (percorridos virtuais, vídeo-conferencias e recursos dixitais en xeral) para posibilitar que o alumnado desfrutase de exposicións e actividades nos museos e dotacións culturais autonómicas “sen necesidade de desprazarse e saír das aulas”.
En concreto, neste curso, preto de 10.000 alumnos de toda Galicia gozaron das visitas online ás exposicións da Cidade da Cultura afondando no legado da Xeración Nós, na figura de Díaz Pardo ou no traballo dos artistas internacionais e galegos que integran a mostra Os brancos segredos do seu ventre.
Neste marco, a exposición que espertou maior interese foi a de Faraón. Rei de Exipto, con máis de 2.700 escolares nas visitas comentadas en liña desde o Museo Centro Gaiás (mostra que chegou á Cidade da Cultura da man da Fundación La Caixa e o British Museum, en colaboración coa Xunta e no marco do Xacobeo 21-22, con 140 pezas da colección do prestixioso museo británico).
Outra das exposicións que foi obxecto de interese pola comunidade escolar galega este curso foi Vestir Épocas 1860-1960, do Museo de Belas Artes da Coruña, que acadou máis de 1.300 visitas didácticas en liña dirixidas ao alumnado de 4º ESO e Bacharelato para achegarlles a historia da moda co apoio de contido audiovisual. Ademais, este centro, no marco da súa colaboración coa Xunta (a través do Plan Proxecta), tamén acolleu a iniciativa O mar na arte, o arte do mar para estudar diferentes enfoques plásticos e abordar a relación entre o mar e a colección do museo
Entre as propostas para este curso estivo tamén a do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que reactivou o seu programa didáctico con sesións en liña e presenciais en xaneiro acadando preto de 2.000 visitas que achegaron a arte aos centros educativos e estimular o interese das novas xeracións na creación artística actual.
Polo que respecta ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ofreceu este curso un amplo abano de actividades virtuais para os centros escolares coas que coñecer tanto os seus fondos como o centro arqueolóxico do Areal Salinae, no que se ofrece un percorrido pola historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano.
O programa didáctico para escolares da Xunta completouse coas actividades ofrecidas nos museos Massó, Etnolóxico, de Ribadavia, do Viño de Galicia e das Peregrinacións e de Santiago que acadaron, no seu conxunto, máis de 1.000 visitas.
A divulgación entre os escolares foi tamén unha actividade prioritaria para o centros dedicados á arqueoloxía, como o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Campo Lameiro e de Lansbrica, o Museo Arqueolóxico de Ourense ou o Museo do Castro de Viladonga que obtiveron preto de 2.500 visitas.
Outro exemplo de transformación foi o Centro Dramático Galego, que se deu adaptado ao contexto sanitario para ofrecer visitas virtuais ao Salón Teatro e ofrecer retransmisións das súas pezas vía streaming. Estas iniciativas sumaron este curso máis de 3.000 participantes.
A Filmoteca de Galicia due un importante pulo aos seus programas Cinema en curso e Fotografía en curso nos que fotógrafos e cineastas traballan conxuntamente cos docentes e acompañan os procesos de creación do alumnado ao longo de todo o curso escolar. En conxunto, participaron máis de 500 estudantes, 33 docentes e 13 centros de toda Galicia.
Os museos galegos levaron os seus contidos a 23.000 alumnos grazas ás novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

