A xestión da rede de estradas de titularidade da Xunta será o obxecto dunha importante mellora tecnolóxica en materia de xestión: a implantación dun sistema dixital que permita optimizar o seu mantemento e a súa monitoraxe. Isto será posible a través dun acordo asinado pola Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade) e o Instituto de Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente). As conselleiras Ethel Vázquez e Ángeles Vázquez deron a coñecer os detalles da tecnoloxía.
O obxectivo, sinalaron, é “desenvolver un visor xeográfico corporativo coa información da rede de estradas autonómicas que se atope dispoñible en cada momento, partindo da situación actual e avanzando segundo se vaian realizando os traballos de dixitalización e estruturación de datos das vías”.
Trátase, engadiron, de “dispoñer dunha ferramenta unificada, que aglutine toda a información xeográfica das estradas autonómicas, representando tamén un instrumento de traballo útil para o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas”. Por outra banda e de cara á cidadanía, o proxecto implicará a posta en marcha dun punto de consulta de información, que poderá simplificar os trámites da cidadanía co organismo xestor das estradas de titularidade da Xunta de Galicia.
En canto aos compromisos recollidos no convenio, a Axencia Galega de Infraestruturas asume as tarefas de planificar, organizar e impulsar os traballos e estudos obxecto deste acordo, así como facilitar a información para desenvolver o visor.
A Axencia Galega de Infraestruturas tamén colaborará na notificación dos erros existentes na cartografía base oficial da Xunta con respecto á rede de estradas e trasladará ao Instituto de Estudos do Territorio a información xeográfica actualizada con periodicidade anual das accións realizadas que poidan repercutir nas vías.
O Instituto de Estudos do Territorio asumirá os compromisos de asesoramento e apoio aos traballos de análise e planificación no eido da información xeográfica correspondentes a infraestrutura viaria.
Tamén coordinará a información necesaria para a planificación así como a difusión dos datos mediante un visor xeográfico.
As estradas da Xunta contarán cun sistema dixital para mellorar a súa xestión
Compartir Este Artigo

