Preto de 1.800 rapaces participaron nos obradoiros de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar organizados polo Concello de Ames, nos que se puxo o foco en dotalos de recursos para arredarse das sustancias aditivas, a ludopatía e un uso non racional das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). As alumnas e alumnos (de idades comprendidas entre os 11 e os 18 anos) participaron en 334 sesións celebradas ao longo do curso escolar nos distintos IES e CEIP do concello.
En Secundaria realizáronse 129 xuntanzas correspondentes ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas no IES de Ames e no IES do Milladoiro e 42 sesións do Programa de Regulación Emocional entre os/as alumnos/as de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato do IES de Ames. O Concello salienta tamén o traballo realizado cos alumnos de FP Básica dentro do Programa de Prevención de Condutas Aditivas.
En Primaria realizáronse un total de 163 sesións de traballo alcanzando a un total de 900 alumnos e alumnas dos CEIP de Ventín, Agro de Muíño, Barouta e A Maía. Destas 163 xuntanzas 20 dedicáronse ao Programa de Educación Afectivo-Sexual e as demais ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas prestando especial atención ás novas tecnoloxías, aos videoxogos ou ás redes sociais.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, defendeu que “temos que centrar todos os nosos esforzos na prevención, dotando de recursos e ferramentas tanto a rapazada como as propias familias e ao profesorado”. Con estas actuacións, dixo, “pretendemos eliminar ou polo menos modificar os factores de risco e fomentar as ferramentas de protección fronte a este tipo de condutas intentando evitar que se produzan ou polo menos atrasar a idade de inicio”.
Este programa, que se leva organizando dende hai varios anos nos centros educativos públicos de Ames, busca ademais a implicación das familias e do profesorado para previr e loitar contra as condutas aditivas.
O Concello de Ames dotou á rapazada local de recursos para acadar un uso racional e produtivo das TIC
Compartir Este Artigo

