As novas ferramentas, dependendo de como as empreguemos (cuantitativa e cualitativamente) poden ser o problema ou a solución. O proxecto SOS-Digital no que colabora a Universidade de Santiago fai fincapé nesta segunda vertente, a vertente máis positiva (a que se deriva dun uso racional, útil e planificado). O seu obxectivo é achegar apoio a estudantes con malestar psicolóxico.
Detrás desta iniciativa atópase un consorcio internacional, que desenvolveu unha serie de vídeos e guías dixitais para achegar pautas de comportamento ante situacións que poden xerar malestar emocional. O consorcio está integrado pola USC e outras tres universidades de Italia (Trento, Portugal (Minho) e Polonia (Adam Mickiewicz). Ao seu abeiro, xurde un protocolo en liña de axuda alumnado ante estados de desconforto psicolóxico, que desenvolveron tres investigadoras do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC, xunto a especialistas das universidades que conforman o consorcio e persoal do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico da USC (CACTUS).
O protocolo inclúe vídeos e guías dixitais de corte didáctico coa finalidade de “informar á comunidade universitaria desta realidade” e mostrar modos e reaccións axeitados a cada circunstancia, ao tempo que “buscar solucións ante situacións que poden xerar malestar emocional”. O material está dispoñible na web do proxecto. Como engade o equipo responsable do mesmo, “esta guía non substitúe a axuda especializada, o seu obxectivo é concienciar sobre a importancia do recoñecemento de indicios de risco e ofrecer unha primeira resposta efectiva ao alumnado en situacións susceptibles de provocar malestar ou dano psicolóxico”.
As profesoras Ana López e Paula Villar, integrantes do equipo da USC, lembran que a educación superior implica, ademais da propia existencia académica, unha serie de cambios que poden superar os recursos de afrontamento da mocidade, sobre todo no caso do alumnado estranxeiro, que adoita vir só a un país e a unha universidade que descoñecen. Fronte isto, din, resulta “fundamental informar e desenvolver plans de asistencia psicolóxica para o estudantado, así como informar ao profesorado e persoal de administración e servizos sobre estratexias para reaccionar ante situacións de emerxencia da forma máis adecuada e empática posible”.
O desenvolvemento deste proxecto contou co financiamento do programa Erasmus+ da Comisión Europea, a través da partida orzamentaria Key Action 2.
A USC colabora nun proxecto de contidos tecnolóxicos para apoiar a estudantes con malestar psicolóxico
Compartir Este Artigo

