Este 6 de agosto celebrouse vía streaming o acto de clausura do curso Reactiva o teu futuro: Emprendemento e Drons, organizado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela con co-financiamento do Fondo Social Europeo -a través da Fundación INCYDE-, e en colaboración co Concello de Santiago. No acto tres alumnos do curso presentaron os seus proxectos de negocio baseados no uso de vehículos aéreos non tripulados para agricultura e gandería; lecer e deporte; e vídeo e fotografía, respectivamente.
O curso foi realizado por mozos e mozas menores de 30 anos da demarcación cameral compostelá que non estaban traballando nin estudando.
En palabras do director do programa e director de proxectos da Fundación INCYDE, Ignacio de Alvear, “dentro de tres ou catro anos o impacto da tecnoloxía de drons na economía española será enorme en amplos sectores, desde o ámbito militar e da seguridade pública ata sectores básicos da economía como a agricultura e a gandería, pasando pola supervisión de infraestruturas e edificacións, o desenvolvemento audiovisual para o cinema, a TV e a mercadotecnia das empresas, o xornalismo gráfico, a vixilancia e a seguridade privada, o mantemento dos ecosistemas ou o mantemento do patrimonio cultural e artístico, entre outros ámbitos”.
Ademais, dixo, “esta tecnoloxía axudará a loitar contra o cambio climático e a favorecer o desenvolvemento sustentable, tanto pola vía de diminuír o impacto das actividades dos seus clientes como polo que estes ocasionan”.
Ignacio de Alvear puntualizou que unha das causas que favoreceron o uso da tecnoloxía dron foi o desenvolvemento de tecnoloxías paralelas que, en combinación, “fan que sexa agora o momento clave”. Tecnoloxías como as baterías, a Internet das Cousas, a mellora das redes de 5G, a fotogrametría e a calidade das cámaras fotográficas. Nestes momentos, dixo, “hai falta de persoas formadas no uso dos vehículos aéreos non tripulados e de emprendedores que inicien o seu proxecto empresarial tendo esta ferramenta como parte integral dos seus servizos”.
A cubrir estas carencias, de “forma altamente especializada”, adícase este programa de drons, auspiciado polo Fondo Social Europeo, a Fundación INCYDE, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago.
Durante as 6 semanas de desenvolvemento do programa, con tres semanas técnicas e tres semanas de análises de proxecto empresarial, os participantes adquiriron as ferramentas necesarias para poder iniciar no curto ou medio prazo unha empresa baseada na tecnoloxía dron, ofrecendo os seus servizos de forma rendible e sostida aos seus clientes de diversos sectores.
Ao finalizar o curso selecciónanse cinco proxectos para continuar dándolles apoio a través dun mentoring individual, co obxectivo de que acaben materializándose.
Este é un programa que combina a aprendizaxe e o coñecemento do sector dos vehículos aéreos non tripulados en distintos ámbitos, cos seus usos e aplicacións, marco legal, características técnicas, selección dos mesmos, as súas partes e accesorios, a configuración das misións e outros moitos aspectos técnicos, coa análise da viabilidade do desenvolvemento de distintos proxectos no sector dos drons, aprendendo a desenvolver modelos de negocio baseados nos mesmos e a implementación dun plan estratéxico e a análise económica e financeira correspondente.
A Cámara de Santiago pecha o curso de emprendemento e drons para mocidade desempregada
Compartir Este Artigo

