A compañía Perfect Numbers, emprazada en Vilalba (Lugo), desenvolveu unha solución que ofrece unha ampla marxe de uso nestes tempos (aínda non superados) da COVID. Trátase da pulseira DataCovid-19, que é quen de avisar ao momento se hai un cambio de temperatura corporal no usuario.
Creada en 2017, a compañía de base tecnolóxica Perfect Numbers responde á crecente demanda de solucións orientadas á Industria 4.0 baseadas na análise da información a gran escala (Big Data) e na Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés). No seu catálogo figura un importante número de solucións destinadas a facer seguimento das máquinas e dos procesos en tempo real, achegando a información aos órganos decisores das empresas.
O seu primeiro prototipo, Datalact, xurdiu para permitir aos responsables das granxas lácteas meirande control sobre a temperatura dos tanques de refrixeración de leite. En vista dos éxitos acadados e co apoio de varias aceleradoras a empresa foi dando corpo a solucións para a industria cervexeira, o abastecemento de auga ou a monitoraxe de fugas de aire comprimido, entre outras aplicacións.
A empresa Perfect Numbers foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións fronte á COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole. O produto resultante, DataCOVID-19, fai seguimento da saúde do usuario a través dun dispositivo carrexable, neste caso un reloxo intelixente ou smartwatch.
Segundo explicou á Tecnópole o director executivo da empresa, Gonzalo Abuín, “a idea xurdiu porque un colaborador pediunos poder facer monitoraxe da temperatura do seu persoal de técnicos, que facían instalacións en edificios. En inicio pensamos en deseñar a nosa propia pulseira corporal, pero por custos e prazos decidimos utilizar un reloxo intelixente do mercado, que tivese a función de rexistrar a temperatura corporal. A nosa diferenciación está no tratamento dos datos, porque ao rexistralos directamente nos nosos servidores tratámolos en tempo real, xerando alarmas e actuando con prema para previr. É o que pode marcar a diferenza entre propagar o virus ou non”.
O dispositivo bota man de tecnoloxías como IoT, Big Data e Intelixencia Artificial. Un dos grandes obxectivos do proxecto é conseguir que cos datos que vaia amoreando e avaliando, o sistema sexa quen de aprender por si mesmo, achegando patróns que permitan predicir cambios nas constantes vitais, e deste xeito predicir contaxios.
A pulseira DataCovid-19 avísanos en canto detecta un cambio na temperatura corporal
Compartir Este Artigo

