O Concello de Vilagarcía de Arousa vén de facer balance da actividade xerada ata o de agora pola súa Oficina de Formación e Atención Dixital, habilitada este mes de agosto polo Goberno local na praza de Arcebispo Lago. Segundo fai saber no reconto o Executivo arousán, a cidadanía acolleu con interese o inicio do servizo, ao que acude, principalmente, para sacar entradas para diversas actividades culturais ou para obter a Chave 365 e facilitar deste xeito os seus trámites en liña coas administracións.
Na súa primeira semana de funcionamento o servizo recibiu un fluxo constante de persoas que se achegaron tanto a facer algunha consulta ou trámite, como simplemente a interesarse pola prestación que se daba. Nos seus primeiros cinco días de andaina (a oficina botou a andar o 2 de agosto) máis dunha trintena de persoas foron atendidas, na súa maioría para facer xestións ou darse de alta na clave electrónica (Chave 365) e tamén bastantes para informarse ou reservar as entradas para os concertos das festas de San Roque.
Aínda sendo as máis frecuentes, tamén se atenderon na oficina outras cuestións relacionadas con trámites en liña, como a presentación dunha solicitude e unha reclamación a través da sede electrónica do Concello, a domiciliación dun recibo e mesmo a solicitude de cita co médico de cabeceira e a reserva de praza nas viaxes no galeón Cortegada organizadas polo Concello.
A responsable da oficina fixo saber que “é de esperar que as consultas, ademais de ir incrementándose co paso do tempo e a medida que o servizo sexa máis coñecido polos usuarios, tamén vaian cambiando de temática en función da época do ano”. Agora, sinalou que “en pleno mes de agosto e en período administrativo a baixo rendemento” as atencións “céntranse en temas lúdicos e festivos e na obtención da Chave 365 dado que é necesaria para poder obter aos certificados de vacinación para poder viaxar ou acceder á hostalaría”. A medida que avance o ano, esperan mudar as temáticas cara procesos de solicitude en liña de bolsas, temas relacionados con impostos, etc…
A Oficina está dirixida tanto a realizar trámites telemáticos aos cidadáns que non teñan medios dixitais ou non se manexen neles, como a asesorar e formar aos que teñan dúbidas ou atopen algún problema á hora de realizar algunha xestión a través das redes e as aplicacións informátias.
O servizo funciona de luns a venres en horario de 10 a 13 horas.
A creación deste servizo é unha das medidas incluídas no Plan de Promoción e Recuperación Económica Vilagarcía 20/21, deseñado pola Concellería de Promoción Económica que dirixe Alba Briones. A iniciativa finánciase cos fondos europeos do programa Vilagarcía Avanza das estratexias DUSI.
Tras a posta en marcha en Vilagarcía, o servizo ampliiarase cun día á semana de atención en Carril a partir de setembro e outro en Vilaxoán a partir de outubro.
A Oficina de Atención Dixital de Vilagarcía xa está a pleno rendemento axudando á cidadanía nos seus trámites en liña
Compartir Este Artigo

