Telefónica vén de facer balance do acadado pola operadora en materia de dixitalización e sustentabilidade, poñendo o foco na súa aposta integral pola fibra e as múltiples vantaxes que esta achega. Segundo fixo saber, foi quen de alcanzar no primeiro semestre do ano o fito de 1.000 centrais de cobre pechadas, o que supón, nas súas palabras, “seguir avanzando no seu plan de trasnformación da rede para ofrecer a mellor conectividade”.
En materia de novos xeitos de achegar servizos de cobertura, máis respectuosos co medio ambiente, a compañía chegou grazas a esta transformación a un aforro enerxético de 1.000 GWh, o que equivale a 355.000 toneladas de CO2 (o mesmo que plantar seis millóns de árbores).
Tal e como destacou Pablo Ledesma, director de Operacións de Telefónica España, “Telefónica comezou o seu proceso de transformación da rede co peche de centrais no ano 2016 e desde entón, a pesar de circunstancias adversas nalgúns anos como o pasado, seguiu o seu plan de peche de centrais de cobre e expansión da fibra para avanzar no obxectivo de ofrecer a mellor conectividade tanto a clientes particulares como empresariais”.
En concreto, o obxectivo deste plan de transformación é completar a cobertura de fibra “cunha rede totalmente dixital” e impulsar que todos os clientes “pasen a fibra para, desta maneira, mellorar a experiencia cos servizos e colocalos na mellor posición ante o futuro dixital, ademais de consolidar o obxectivo ambiental de Telefónica”.
Desde o inicio do seu plan de peche, Telefónica desmontou 65.000 toneladas de cable; reciclou 7.140 toneladas de RAEE (residuo de aparellos eléctricos e electrónicos) e outros elementos; reutilizou máis de 128.000 tarxetas na súa rede e aforrou ao redor de 1000 Gwh (355.000 tCO2, equivalente como dixemos a plantar seis millóns de árbores).
En canto á redución do espazo, Ledesma lembrou que “unha central de fibra dá servizo ao mesmo número de accesos que se atende desde catro centrais de cobre”.
Telefónica avanza en sustentabilidade e eficiencia ao acadar 1.000 centrais de cobre pechadas
Compartir Este Artigo

