Nos últimos anos a App Store foi fonte de numerosas queixas por parte dos desenvolvedores ante as numerosas restricións que impón Apple, o que levou a que presentasen unha demanda colectiva nos EE.UU., que vén de pechar cun acordo que permitirá que os desenvolvedores poidan informar de opcións de compra fóra da súa app para iOS.
Tamén amplía os niveis de prezos que os desenvolvedores poidan ofrecer para as subscricións, as compras dentro das apps e as apps de pagamento; e mesmo crean un novo fondo para axudar aos desenvolvedores de EE.UU. que cumpran cos requisitos.
Apple manterá a súa política de comisións reducidas para empresas que ingresen menos dun millóns de dólares; procurará que os resultados de busca na App Store respondan a datos obxectivos; comprométese a dar máis información sobre os motivos do rexeitamento dunha aplicación; e tamén elaborará un informe anual de transparencia con datos sobre o proceso de revisión de apps, a cantidade de apps rexeitadas por distintos motivos, a cantidade de contas desactivadas de clientes e desenvolvedores, datos obxectivos sobre as buscas e os resultados, e a cantidade de apps retiradas da App Store.
Esta pequena flexibilización da App Store podería ser o primeiro paso de moitos outros que Apple tería que dar nos vindeiros meses por mor das distintas frontes que ten abertas a compañía de Cupertino tanto nos tribunais como coas autoridades de competencia en EE.UU. e Europa.
Apple permitirá que as apps de iOS informen de opcións de pagamento alleas á App Store
Compartir Este Artigo
