Dende Instagram están preocupados pola seguridade da mocidade na súa plataforma, para o que están a insistir para que todos os usuarios introduzan a súa data de nacemento no sistema, para poder así saber cando poden amosar contido para maiores de idade, e tamén para impedir que adultos envíen mensaxes a menores que non os seguen. Tamén mudaron a súa configuración predeterminada, de xeito que calquera conta dun menor de 16 anos aparecerá inicialmente como privada.
Para seguir avanzando nesta dirección están agora a preguntar pola data de nacemento aos usuarios que non o indicaron previamente en canto abren a aplicación de Instagram e, se rexeitan facelo nun bo número de ocasións a aplicación deixará de funcionar ata que se facilite a data de nacemento.
Instagram tamén preguntará pola idade ao tentar acceder a contidos para maiores de idade, no caso de non ter facilitado o dato anteriormente, ou sexa, que incrementaron considerablemente a súa insistencia para unha maior protección dos menores.
Tamén son conscientes que a xente pode mentir ao facilitar esa información, polo que contan con sistemas de intelixencia artificial que en función das interaccións poden estimar a idade dos usuarios, co que confían en detectar a quen finxa ser maior de idade, para esixirlle logo unha proba que permita verificar a súa data de nacemento.
Instagram establece máis mecanismos para determinar a idade dos seus usuarios
Compartir Este Artigo
