
Na presentación de O Argueiro dos Ancares participaron Lucía Rodríguez, a veciña de Navia que fixo posible este proxecto (que naceu como traballo de fin de grao nos estudos de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo) e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que felicitou á autora e destacou “a súa iniciativa e o seu espírito de embaixadora da terra e da lingua propias”. A maiores, subliñou que o seu traballo deu como resultado “un marabilloso proxecto que, de seguro, ha contribuír a visibilizar Os Ancares tanto dentro coma fóra da propia contorna pero sobre todo a enorgullecer á veciñanza pola riqueza paisaxística, social e lingüística coa que contan”, concluíu.
Na praza de Navia de Suarna tamén estiveron presentes José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna e presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR3) Montes e Vales Orientais; Fe Álvarez, xerente do GDR3, e Lucía Rodríguez, responsable do proxecto.
Unha ollada realista aos Ancares
Lucía Rodríguez, natural de Salgueiras, unha aldea de Navia de Suarna (Lugo) na que só fica a súa familia, é a impulsora deste proxecto que ten como obxectivo “amosar unha visión realista, non utópica nin romantizada, do rural dos Ancares”.
Segundo explicou acerca do nome do seu proxecto, “argueiro” significa “cousa que molesta que se mete nun ollo” e, “argueirín” era o apelativo co que os seus avós se referían a Lucía de nena. Tamén relacionado coa súa nenez está o logo do proxecto, unha reprodución dunha talla en madeira dunha flor de seis pétalos que había nas táboas do hórreo da casa dos seus avós. Seis son, asemade, os temas que engloba o proxecto: xente, paisaxe, tradición, imaxe e relato, produtos locais e historia.
Este portal dixital superou os 1.500 seareiros en Facebook e os 500 en Instagram, conta co apoio do Grupo de desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais (Ancares-Fonsagrada) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística través da Rede de Dinamización Lingüística coa que colabora o GDR3 para fomentar as iniciativas relacionadas coa expresión cultural e lingüística do seu territorio.
A parte menos coñecida dos Ancares, visible nun novo portal co apoio de Política Lingüística
Compartir Este Artigo

