O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o alcalde de Vedra, Carlos Marinez, inauguraron este venres 17 un novo centro de emprendemento innovador e colaborativo que sumar á Rede de Espazos de Coworking provincial: A Estación de Vedra. Atopase nunha antiga estación de tren rehabilitada en Santa Cruz de Rivadulla e inclúe dous espazos de traballo, dúas salas de reunións, unha aula de formación, unha zona de coworking con ata dez postos fixos, un pequeno auditorio e un espazo multiusos.
Trátase ademais dun centro eficiente enerxeticamente ao nutrirse de enerxía solar e consta dun antigo vagón galardoado nos Premios Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, nos Red Clima e nos premios PEL da Deputación.
A institución provincial achega 58.100 euros para contribuír ao financiamento das iniciativas deste espazo, que inclúen desde actividades de formación e titorías, ata de apoio e difusión de proxectos de emprendedores e emprendedoras. A contía dedicada pola Deputación sufraga o 79,5% do custo total.
O presidente provincial incidiu en que “este espazo é froito dun esforzo histórico levado a cabo de forma conxunta por distintas administracións”, e destacou a “sensibilidade de Adif, que permitiu a posibilidade de darlle unha nova vida a esta construción”.
Pola súa banda, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, definiu á Deputación como a “entidade de todos os Concellos, sobre todo dos máis pequenos” e agradeceu ao presidente provincial “o apoio ao proxecto”. Tamén puxo en valor o potencial do centro (e de iniciativas análogas) para reter á xuventude e atraer a novos talentos, loitando contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial.
A Estación súmase como dixemos á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, que está conformada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, Coworking A Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Proa en Ames e o Coworking A Pobra.
A orixe de A Estación está na necesidade de afrontar o reto da transformación empresarial e laboral, un proceso que xa se deixa notar dende hai anos, coa evolución das novas tecnoloxías e das novas modalidades de economía de carácter social e colaborativo. A raíz disto, o Concello de Vedra propuxo impulsar o coworking como “un eixo de futuro para a creación e a posta en marcha e dinamización do municipio”. O obxectivo é “contribuír así á creación de novas iniciativas empresariais ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo”.
Quen precise máis información sobre a Rede Provincial de Espazos de Traballo pode facelo a través da web de seu.
Vedra e a Deputación da Coruña converten unha estación de tren nun centro de innovación e coworking
Compartir Este Artigo

