María Bugallo, investigadora do CiTIUS da Universidade de Santiago, recibiu o Premio Almirall do Instituto de Estatística de Cataluña e a Universidade Autónoma de Barcelona por un traballo de estatística aplicada, baseado no paradigma da atención, a través do cal conseguiu completar un cribado de pacientes con fibrilación auricular mediante a clasificación automática de rexistros de electrocardiograma.
A investigadora do centro de Intelixencia Artificial compostelán foi recoñecida no marco do XIX Concurso STUDENT d’Estadística Aplicada por unha contribución titulada Redes neuronais baseadas na paradigma de atención: Cribado de fibrilación auricular mediante a clasificación automática de rexistros de electrocardiograma.
A científica do centro recolleu o premio durante o XIX Concurso Student de Estatística Aplicada, unha actividade organizada no marco do Día da Estatística de Cataluña.
O Premio Almirall chega tras superar o reto proposto pola organización do concurso, un desafío no que as persoas aspirantes tiñan que realizar unha análise sobre un conxunto de datos relacionado cun problema real, ao que debían dar solución mediante un traballo inédito e de temática libre. María Bugallo explica deste xeito a decisión de participar no certame: “Pensaba que a nosa idea era orixinal e interesante, así que non dubidei en comentárllo ao meu supervisor”. Unha proposta que acabou por imporse no concurso, debullando un sistema de redes neuronais para o cribado de pacientes con fibrilación auricular, que finalmente foi recoñecido como mellor traballo en bioestatística.
“Cando presentei o traballo, nin esperaba nin descartaba gañar, porque, en realidade, sabía que gañaba das dúas formas: o documento e as correccións de Paulo Félix, o meu supervisor, axudáronme moito como material de apoio na redacción do meu traballo de fin de mestrado”, explica, mostrando o seu agradecemento ás institucións organizadoras: “É gratificante sentir que o esforzo, dificilmente valorado en moitos casos, proporciona tamén recompensas”.
Recoñecemento a María Bugallo, investigadora do CiTIUS, por un traballo de estatística aplicada
Compartir Este Artigo

