O Concello de Poio (a través da Concellería de Promoción Económica dirixida por Gregorio Agís) vén de facer balance da súa campaña de participación cidadá para verificar e localizar as necesidades dos fogares e as empresas en materia de cobertura de Internet de alta velocidade. A iniciativa, posta en marcha no mes de xuño, contou cun punto de información no Consistorio, posto a disposición da cidadanía para ofrecer asesoramento e tramitar peticións relacionadas coa dotación de fibra óptica. Desde a súa posta en marcha, xa se levaron a cabo preto de 40 xestións.
Agís salienta “a importancia de ofrecer este servizo, ante o incumprimento por parte de Telefónica á hora de dotar a conexión de alta velocidade en todo o municipio”, sinala, lembrando que no informe dos técnicos municipais reflíctese que “o 100% destas xestións teñen que ver coa ausencia de fibra en diferentes puntos das cinco parroquias de Poio”.
Preto da metade destas reclamacións foron realizadas por veciños e veciñas de Samieira (10) e San Xoán (8), feito que vén dado por ser as zonas do rural “as máis afectadas pola situación provocada pola empresa”, apunta Gregorio Agís, que lembra que o Plan Sectorial de Despegue de Banda Larga establece que Telefónica debe garantir o servizo no 100% do territorio antes de que remate 2021. Neste sentido, o concelleiro do PSdeG-PSOE explica tamén que “a mediados do pasado mes de outubro remitimos un escrito á empresa, no que, ademais de trasladarlle as solicitudes dos e das particulares, tamén reiteramos a total predisposición por parte do Concello de Poio á hora de solucionar esta problemática”. Agís di que a compañía aínda non achegou unha reposta.
O Concello de Poio remite a Telefónica preto de 40 peticións cidadás de fibra óptica
Compartir Este Artigo

