O persoeiro de Nadal máis autóctono da nosa terra, o Apalpador, estivo na mañá deste 22 de decembro na Delegación do Goberno central na Coruña para entregar as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística a prol da igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, dentro da Iniciativa Netflix en galego: queremos todo o audiovisual na nosa lingua.
As persoas asinantes instan a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a incluír as medidas a favor da lingua galega acordadas por unanimidade no Parlamento Galego. Ou sexa, “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación móbil”.
Marcos Maceira explicou que “a nova lei audiovisual comezará a se debater en febreiro” e que “o único que se sabe dela con certeza é o que di o proxecto: nada de financiamento para producións en galego, nada de dobraxe e lexendaxe en todos os filmes e series”. E engadiu: “Queremos igualdade para todas as linguas, queremos ter opción e liberdade para o galego no audiovisual”.
Na súa opinión, a día de hoxe “é posible un grande avance, mais dependerá do que nos activemos e nos mobilicemos para o conseguir. Todos os avances para o galego foron conquistas que se acadaron nas rúas e estaremos nelas se é preciso para termos galego no audiovisual”.
O Apalpador entrega ao Goberno 10.000 sinaturas a favor da igualdade lingüística na Lei do Audiovisual
Compartir Este Artigo

