A entidade estatal Red.es abriu unha nova convocatoria de axudas para ampliar a rede de Oficinas Acelera Peme por todo o territorio nacional. O obxectivo desta convocatoria é “chegar a municipios con poboacións inferiores a 20.000 habitantes e impulsar alí a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das súas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores”.
Para quen non o saiba, as Oficinas Acelera Peme conforman unha rede de axuda á transformación dixital ao servizo do noso tecido produtivo. Con esta ampliación búscase facer fincapé no mantemento da poboación rural na súa contorna de orixe, poñendo o foco na transformación tecnolóxica.
Trátase dunha das medidas enmarcadas na Axenda España Dixital 2025 e no Plan de Dixitalización de Pemes que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O orzamento da convocatoria é de 23,8 millóns de euros e o importe das axudas para cada unha das oficinas oscila entre 300.000 e 410.000 euros para 2 anos, o que supón o 80% do orzamento do proxecto.
Poderán optar a estes apoios asociacións profesionais e empresariais, colexios profesionais, centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica, deputacións provinciais, comunidades autónomas uniprovinciais, cabidos e consellos insulares, e comarcas, mancomunidades de municipios ou outras entidades que agrupen varios municipios. Cada entidade solicitante poderá presentar un único proxecto por territorio, podendo presentar ata tres proxectos para territorios diferentes.
As oficinas físicas deberán estar situadas no territorio no que a Oficina Acelera Peme realice a súa actividade, podendo existir máis dunha localización física da oficina en diferentes puntos do territorio
As entidades interesadas en solicitar estas axudas terán dous meses de prazo para facelo desde a data de publicación no Boletín Oficial do Estado e poderán pedir os apoios a través do formulario habilitado na Sede Electrónica de Red.es, onde se pode consultar toda a información.
A presente convocatoria contempla a creación de ao redor de 50 novas oficinas Acelera Peme, cun mínimo dunha oficina por cada provincia e/ou illa e un máximo de dous.
As novas oficinas sumaranse ás 90 que conforman a rede e que xa podemos ver no mapa en liña habilitado.
Red.es abre unha nova convocatoria de axudas por 24 millóns para crear Oficinas Acelera Peme no rural
Compartir Este Artigo

