O Goberno galego, a través da axencia AMTEGA, vén de activar un paquete de medidas para impulsar a actividade das aulas CeMIT, presentes nun centenar de concellos da nosa terra e de gran importancia non só para a formación e a capacitación tecnolóxica da cidadanía, senón tamén para a dinamización social dos concellos. O investimento do Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT vén cunha contía de 22,7 millóns de euros ata 2025, segundo fixo saber Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, engadindo que o obxectivo é “formar en competencias dixitais a máis de 46.000 galegos nos vindeiros tres anos e lograr que o 70% dos cidadáns da nosa terra teñan competencias dixitais básicas”.
O plan, dixo, inclúe “unha transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles” e a instalación de novo equipamento tecnolóxico. Ademais, adaptarase a formación ao marco galego de competencias dixitais se ampliará a Rede con ata 30 novas aulas tras un novo convenio marco que a Xunta asinará coa FEGAMP. O presidente da Xunta resaltou que, nas 97 aulas abertas actualmente en 91 concellos, existen 100.000 persoas usuarias –3 de cada 5 son mulleres— e que a Rede cunha experiencia de máis de 450.000 horas de formación impartidas.
A maiores, o presidente da Xunta anunciou que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 millóns de euros de fondos públicos para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación de 65 concellos no período 2022-2023. A decisión chega, tamén, despois da colaboración coa FEGAMP e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que detectaron deficiencias en 65 municipios galegos. Ao abeiro desta iniciativa, o operador público autonómico RETEGAL construirá ata 100 emprazamentos de soporte para poñelos a disposición de todos os provedores.
Finalmente, Feijóo lamentou o que considera “unha falla de cogobernanza que evidencia que nos plans de recuperación do Goberno central destinados á banda larga, só o 9% dos 4.000 millóns de euros se vaian transferir ás Comunidades, o que deixa a Galicia co 0,5% dos recursos”.
A Xunta activa un plan para reformar e ampliar a rede de aulas CeMIT
Compartir Este Artigo

