O Concello de Vilagarcía recibirá 2,5 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation correspondentes ao Plan Estatal Turístico Xacobeo. A aprobación da proposta local (Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, PSTD), permitirá desenvolver proxectos de transformación turística mediante a accións de recuperación de espazos, dotación de infraestruturas e equipamentos e creación de novos servizos, pasando por actuacións de sinalización inclusiva e dixitalizada.
En materia de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o plan prevé desenvolver unha nova web, unha aplicación móbil e contidos multimedia que contribúan, conxuntamente, a reforzar a posición de Vilagarcía como destino sustentable e de calidade. Asemade, crearase unha oficina de turismo dixital e intelixente (Smart CRV) e habilitarase sinalización dixital na rede de ciclovías, establecendo un enlace co Eurovelo E1 proxectado e co Camiño de Santiago.
Respecto dos fondos europeos Next Generation confirmados, o alcalde, Alberto Varela, e a concelleira encargada da xestión de fondos europeos, Paola María, salientaron que se trata dunha excelente noticia para Vilagarcía, “posto que permitirá posicionar o municipio como un destino turístico moderno, sustentable, saudable e orientado ao público familiar, o que, complementado con todos os demais investimentos que estamos a realizar a través doutros programas, reverterá de xeito moi importante na dinamización da cidade, na mellora da calidade de vida na mesma, e na xeración de riqueza”. O plan inclúe medidas en transición verde, en eficiencia enerxética e en competitividade, mais de en materia de novas tecnoloxías da información.
Vilagarcía habilitará unha manchea de recursos dixitais para ser un referente en turismo sustentable
Compartir Este Artigo

