O Concello de Ferrol abriu os días pasados a web do proxecto destinado a ofrecer contidos locais creados pola cidadanía e entidades da cidade. A estrea oficial da páxina de Cóntame Ferrol foi dada a coñecer polo concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, que debullou as diferentes partes das que se compón, incluída unha escolma de propostas relacionadas coa historia, a memoria popular ou a creación artística ferrolá. Por exemplo o Mapa da Memoria, posto en marcha durante un obradoiro impulsado pola Concellería de Cultura.
Golpe explicou que se trata dun “primeiro paso que terá continuidade con outras tantas iniciativas” posto que Ferrol é unha cidade, dixo, “moi activa no eido cultural”. En total, na páxina figuran 25 propostas, entre as que se poden atopar blogs, webs, varias publicacións e formatos audiovisuais e sonoros. Todas elas foron impulsadas dende o movemento veciñal, entidades privadas e públicas ou persoas a título individual.
Segundo engadiu, “trátase dun repositorio inicial disposto nun mapa interactivo” e “para crealo buscáronse contidos de carácter amador ou profesional de temática relacionada co patrimonio, a toponimia, as artes ou a memoria, entre outros, directamente vinculados á contorna e á veciñanza”. Prestouse especial atención aos que respondían a un perfil sociocultural, creativo ou divulgativo.
O edil lembrou que o proxecto ao que se abeira á web (o proxecto Cóntame Ferrol) xa leva un tempo activo, ofrecendo (dende a pasada primavera) obradoiros de creación de contidos e de novos formatos e narrativas, aos que se sumou no outono un obradoiro de creación audiovisual e mapeo dixital. Froito deste último é o Mapa da Memoria de Ferrol, un percorrido dixital pola memoria veciñal, industrial e dos lugares dende a perspectiva dos participantes no obradoiro, que crearon varias rutas documentadas con contido fotográfico e audiovisual que poden visitarse na web.
En marcha a web Cóntame Ferrol mostrando a historia da cidade a través dos seus habitantes
Compartir Este Artigo

