
As responsables da iniciativa indicaron que o proxecto, que recibiu a axuda a grupos de investigación do Campus de Ourense Inou 2021, “trata de estimar o risco de alerxias polínicas para que desta maneira se poida administrar a medicación correspondente con anterioridade, posto que é máis efectiva que unha vez aparecidos os primeiros síntomas”. Tamén indicaron que o sistema de Intelixencia Artificial facilitará a toma de decisión en base ás predicións dos tempos.
O equipo de investigadores e investigadoras, mediante unha avaliación da atmosfera de Ourense, recadou datos da carga alerxénica dende 1993 para xerar os datos de concentración de 2021. Aínda que se detectaron outros tipos de pole, os máis agresivos na provincia foron os de: Alnus, Platanus, Betula, Poaceae e Urticaceae.
No calendario elaborado polo estudo, Alnus esténdese durante o mes de xaneiro ata mediados de marzo, sendo o primeiro mes o período de máxima concentración de pole. Betula comeza cando remata Alnus. Vai dende mediados de marzo ata finais de maio, tendo máis concentración dende finais de marzo ata comezos de maio. A estación polínica de Platanus, vai dende comezos de marzo ata mediados de maio, sendo a etapa de máis concentración polínica a que vai dende a metade de marzo ata os primeiros días de abril. Poaceae conta cunha estación das máis longas, vai dende mediados de febreiro ata finais de setembro, rexistrando dende comezos de xuño a inicios de agosto a etapa de máis concentración. Como remate, as Urticaceae foron as que tiñan unha etapa máis longa, esta vai dende finais de xaneiro ata finais de setembro e con presencia esporádica de outubro a decembro. Abrangue case todo o ano, e o período de máxima concentración vai dende finais de maio a comezos de agosto.
O modelo de Intelixencia Artificial
Os datos obtidos polo calendario serven de sustento para un algoritmo de clasificación que o equipo de investigación de Rosalía Laza empregou para deseñar este modelo híbrido de Intelixencia Artificial. Este, permite unha predición con sete días de vantaxe de se a cantidade de pole dun día determinado vai ser baixa, media ou alta.
Impulsan no Campus de Ourense un proxecto para predicir con IA a concentración de pole
Compartir Este Artigo

