Nos dous últimos anos tivemos no mercado un par de consolas retro bastante curiosas, por optar por funcionar con cartuchos cunha pequena selección de xogos con licenza oficial: a portátil Evercade e a doméstica Evercade VS. E agora anuncian unha terceira consola, a Evercade EXP, que sería unha consola portátil que acadaría un rendemento á altura da Evercade VS.
A nova consola sería compatible cos máis de 30 cartuchos que recompilan máis de 300 xogos clásicos, destacando a Evercade EXP por incluír 18 xogos de serie, incluíndo tamén na caixa o cartucho IREM Arcade 1, que inclúe 6 clásicos (R-Type, In The Hunt, Moon Patrol, 10 Yard Fight, Battle Chopper e Lightning Swords).
A Evercade EXP conta cunha pantalla IPS de 4,3 polgadas con resolución de 800 x 480 píxeles, que conta cun modo TATE que permite xirar 90 graos a consola para gozar dos xogos orientados en vertical. A consola tamén conta con Wi-Fi (o que facilita a súa actualización), tamén inclúe USB-C e incluso saída mini-HDMI a 720p para poder gozar dos xogos en pantalla grande.
No mes de setembro darán abrirán o proceso de reserva e detallarán este produto que chegará no inverno a un prezo de venda recomendado de 149,99 euros.
Vídeo de presentación da Evercade EXP

