As XV Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela clausuráronse este 4 de xuño na Casa da Cultura de Sarria abordando a frutífera relación entre Intelixencia Artificial e Dereito: unha relación que xa deu resultados interesantes nestes anos e que todo apunta a que irá a máis nos anos vindeiros. O encontro, organizado polo Concello de Sarria e que por primeira vez forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), reuniu a expertos na materia e a recoñecidos xuristas. Nas mesas redondas interviñeron maxistrados do Tribunal Supremo, do Tribunal Constitucional e da Audiencia Nacional, ademais dos presidentes das audiencias provinciais da Coruña e Ourense e a xuíza decana de Lugo, entre outros.
Os especialistas analizaron a IA aplicada á Administración de Xustiza. Durante os dous días nos que se desenvolveron as xornadas debateron sobre asuntos como a propiedade intelectual das obras creadas con Intelixencia Artificial, a biometría utilizada na investigación criminal ou o uso de algoritmos.
Os expertos explicaron as vantaxes e os riscos das tecnoloxías con capacidade de analizar información e tomar decisións, entre os que mencionaron as posibles desviacións dos algoritmos. O director do Centro de Documentación Xudicial (CENDOX), Iñaki Vicuña, destacou na mesa redonda do 4 de xuño que a vixilancia tecnolóxica é “esencial” para contrarrestar eses perigos. Ademais, salientou que un dos retos do CENDOX é estar “á vangarda tecnolóxica”, sempre de acordo “cos valores da Xustiza”.
A xuíza decana de Lugo, Olalla Díaz Sánchez, advertiu que a eficiencia tecnolóxica “debe ter como límites infranqueables os dereitos fundamentais”. Ademais, destacou a importancia da colaboración entre xuristas e técnicos para evitar “os erros, os prexuízos e a discriminación”. En canto ao expediente dixital, resaltou que facilitará á cidadanía o acceso aos documentos.
O presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña, centrou o seu relatorio nas novas formas de ciberdelincuencia, entre elas a suplantación en liña de identidades (phishing), e alertou do incremento dos delitos tecnolóxicos, pois indicou que son “máis rendibles, máis fáciles de cometer e, a súa autoría, máis difícil de probar”. Ademais, afirmou que os tipos penais deberán de adaptarse a novas realidades como, por exemplo, o metaverso. Piña, ademais, informou sobre algúns dos sistemas tecnolóxicos utilizados por policías de diferentes países para previr delitos.
A clausura contou coa asistencia da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas Brugal; o vogal do CXPX Rafael Mozo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, a directora do Centro Asociado UNED Lugo, Ana Traseira; e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa. No peche das xornadas estiveron tamén presentes o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o vogal do CXPX Juan Manuel Fernández.
A IA dende o punto de vista xudicial centrou as XV Xurídicas de Sarria
Compartir Este Artigo

