A Real Academia Galega presentou en Ames este luns 6 de xuño Ideas para un plurilingüismo dende o galego, unha guía para construír unha realidade integradora e acaída para as linguas (incluída a nosa e téndoa como referente) no contexto actual de diversidade. A guía, dispoñible en formato PDF para a súa descarga, dá continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames arredor do mapa sociolingüístico escolar municipal e sae do prelo co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na presentación, celebrada este luns na Casa da Cultura do Milladoiro, interviron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guía e profesora de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, María López Sández; o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na cita fíxose un repaso polas orixes do folleto. Asi, indicouse que trala elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames constatouse a necesidade de fornecer o profesorado de formación e recursos sobre o plurilingüismo, unha eiva que esta guía, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende paliar comezando pola definición do propio concepto, explica Henrique Monteagudo. “Tal e como esta presentado no Decreto 79/2010, o plurilingüísmo abórdase dende unha visión moi instrumental. Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística.
Na presentación os autores lembraron “os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”, e puxeron o foco noutros elementos que cómpre ter en conta en contextos coma o de Ames onde, “xunto aos cambios sociais derivados da irrupción das novas tecnoloxías, experiméntase un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”.
O presidente da RAG lembrou que este novo traballo é parte das contribucións da Academia ao diagnóstico e á posta en marcha de medidas que freen a creba da transmisión xeracional da lingua galega, un desafío que esixe actuar dende as idades máis temperás e contando coa colaboración de todos os axentes sociais. “Cada vez somos mais conscientes de que a transmisión xeracional do idioma require non só incidir no papel das familias e dos primeiros niveis do sistema educativo, senón tamén da implicación de todas as institucións civís, artellando unha actuación global que atinxa o mundo do lecer, das novas tecnoloxía, do consumo en xeral etc.”, expresou Víctor F. Freixanes.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “a importancia de actualizar e formular os contidos dun concepto tan amplo como é o plurilingüísmo e de dar coas fórmulas axeitadas para que a lingua galega teña o seu espazo e mesmo se vexa enriquecida dentro dun sistema de coñecemento de linguas que cada vez será máis amplo”.
A concelleira de Normalización Lingüística subliñou que os beneficios do plurilingüismo son “indiscutibles, máis tamén é indiscutible o feito de ter que levar a cabo unha proposta de plurilingüismo inclusivo dende o galego asegurando na mesma medida o futuro da nosa lingua”. Escarlata Pampín lembrou os datos do mapa sociolingüístico escolar de Ames, que “reflicten a creba na transmisión xeracional da lingua”. E engadiu: “O castelán é a lingua principal de máis do 70% do alumnado de Primaria. Os resultados amosan que o proceso de abandono da lingua comeza xa no primeiro contacto coa escolarización”.
A RAG pon na Rede unha guía para o plurilingüismo inclusivo dende o galego
Compartir Este Artigo

