O CITI (Centro de Investigación, Transferencia e Innovación) do Campus de Ourense ampliou as súas liñas de traballo con impresión 3D e desenvolvemento de novos materiais. O centro, creado pola UVigo en colaboración coa Xunta para “potenciar a I+D+i nas empresas así como a unión entre industria e universidade”, conta xa cunha planta piloto con catro liñas principais de servizos, incluídas as devanditas (3D e novos materiais), co que certifica a súa aposta pola innovación tecnolóxica (non só científica).
Situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, o CITI dispón de catro módulos e unha nave e ofrece instalacións e equipamento científico-tecnolóxico. “É un centro de servizos á comunidade científica e ás empresas que queren realizar determinados procesos demostrativos de produción”, afirma Javier Rodeiro, o seu director. Os seus ámbitos principais de actividade son os eidos agroalimentario, biotecnolóxico, enerxético, medio ambiental e tecnolóxico-dixital. Ademais, estas instalacións albergan un total de once espazos, entre laboratorios e oficinas.
Javier Rodeiro subliña a aposta pola diversificación deste centro, pasando de conter principalmente grupos do ámbito científico a incorporar tamén grupos e proxectos do ámbito tecnolóxico e “indo máis alá do que son as capacidades de servizo do equipamento científico que temos”. Así, indica, “estamos facendo o posible para incrementar a oferta tecnolóxica de servizos, incorporando impresión 3D, desenvolvemento de novos materiais, etc”. Igualmente, recalca o compromiso do centro coas temáticas de sustentabilidade e economía circular co obxectivo de “poder involucrarnos ao máximo na axenda 2030 e en accións ou procesos que vaian orientadas á obtención dos ODS”.
Segundo lembra Javier Rodeiro, o CITI “naceu como un centro de unión entre o tecido empresarial e os grupos de investigación do Campus de Ourense” e tamén “como un centro de servizos á comunidade científica e ás empresas que queren realizar determinados procesos demostrativos de produción”. Para isto, detalla, “equipouse cunha cantidade grande de equipamento científico que non é habitual, polo custo do mesmo, para que as empresas puidesen facer as súas probas de produción neste centro”. O modelo que agora mesmo se está a desenvolver dende o CITI é o modelo de colaboración empresa-grupos para un determinado proxecto concreto, cunha duración no tempo e dentro dunha localización do CITI”. Así, subliña o responsable do mesmo, “esta é quizais a evolución máis grande do CITI: a incorporación dunha nova metodoloxía de colaboración entre universidade e empresa por proxecto”. Neste senso explica que “o que buscamos agora son colaboracións puntuais, incluso con grupos que non están no CITI: teñen un proxecto cunha empresa, precisan instalacións para levalo a cabo e vemos a forma axeitada de darlle ese punto de unión espacial e servizos para desenvolver o seu proxecto”.
O CITI de Ourense amplía actividade cara a impresión 3D e os novos materiais
Compartir Este Artigo

