O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (AtlantTIC) participa no proxecto European Language Equality, que analiza a dispoñibilidade de recursos e ferramentas no eido da tecnoloxía lingüística de máis de 70 linguas de Europa. O labor xerado ao abeiro deste proxecto non guinda un panorama positivo para o galego: segundo advirten os investigadores de AtlantTIC, o galego é a lingua co-oficial cun menor desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas. O estudo pretender servir como folla de ruta para mudar esta situación e alcanzar o pleno equilibrio de toda as linguas en 2030. Para este reto, prepararase unha axenda estratéxica de investigación, innovación e transferencia.
O proxecto ELE está financiado pola Unión Europea, e a Universidade de Vigo forma parte do consorcio ao que están adheridos un total de 52 universidades, consorcios e empresas de Europa. De feito, o grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia (GTM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC) da Universidade de Vigo foi o encargado de analizar a situación en canto a recursos, servizos e comunidades de falantes do galego.
“O obxectivo de ELE é analizar a adaptación tecnolóxica dos idiomas de Europa coa finalidade de que exista plena igualdade lingüística dixital en 2030. Agora, hai que facer unha folla de ruta para mudar esta situación. Hai moita marxe na que traballar”, subliña Carmen García Mateo, coordinadora do grupo de investigación, engadindo que “hai poucas aplicacións de síntese e de recoñecemento de voz, corrección ortográfica e gramatical e tradución automáticas; polo tanto, un baleiro importante en canto a recursos multimedia axeitados para desenvolver aplicacións tan importantes no mundo actual como os axentes conversacionais por voz de última xeración”.
Porén, no informe faise saber que o galego “si ten boa presenza en bases de datos de texto de gran dimensión calidade, e as tecnoloxías e os servizos baseados en texto están nunha fase máis madura”.
A investigación constata que no conxunto do Estado existe unha fenda considerable en comparación con outras linguas con maior número de falantes, “pero tamén coas outras linguas cooficiais do estado español (catalán e éuscaro)”. Esta diferenza, sinálase, “é crítica en canto a recursos e servizos relacionados con datos de tipo multimedia ou do ámbito da saúde, pois os existentes son pobres en diversidade e pequenos en tamaño”. Os investigadores advirten de que o maior perigo a curto prazo é que, de non reverterse esta situación, “o galego quede fóra da revolución que o Big Data e a Intelixencia Artificial está a provocar en moitos sectores estratéxicos pola falta de recursos para aplicar estas tecnoloxías”.
Como exemplo positivo, o informe salienta o exemplo do sitio web da Radio Televisión de Galicia pola produción de contidos multimedia, labor ao que se suma un número crecente de diarios locais dixitais escritos en galego.
Engádese que “aínda que algunhas plataformas como Facebook ou Youtube, ou grandes empresas de software como Microsoft ou Apple ofrecen unha versión con soporte para o galego nas súas interfaces, moitas outras como TikTok, Twitch ou Adobe, utilízano en beta ou con menor apoio como o caso de Twitter”.
O informe constata “unha falla extrema de apoio ao galego” nos asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant ou Cortana.
No outro extremo, saliéntanse as contribucións do portal da Real Academia Galega, o tradutor Gaio ou o sitio web do Goberno galego.
Segundo a docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Carmen García Mateo, “nesa marxe para mudar esta situación, en termos obxectivos, favorécenos a existencia dunha experimentada comunidade investigadora en Galicia en áreas como o recoñecemento automático da fala, a síntese de voz ou o procesamento de linguaxe natural e, por suposto, en áreas humanísticas como a filoloxía ou a lingüística”.
A actual colaboración interdisciplinar dos investigadores de AtlantTIC xunto cos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo diríxese a mudar esta situación. “Estamos a desenvolver xa ferramentas e recursos lingüísticos. Esta alianza é, en gran medida, a responsable nos últimos catro anos dun aumento importante da produción de recursos e servizos de calidade para a lingua galega”. Os investigadores tamén salientan no informe a propia estratexia posta en marcha pola Xunta de Galicia. “Doutra banda, observamos unha tendencia nas grandes empresas do sector consistente en reducir os seus esforzos en desenvolver tecnoloxías específicas para linguas minoritarias como o galego”. Tamén advirten da falta de interese polas linguas cooficiais en xeral nalgunhas estratexias nacionais relacionadas coas tecnoloxías do fala como na Estratexia do Procesamento da Linguaxe Natural 2020 ou a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2020.
Como propostas de mellora, os investigadores do centro da UVigo recomendan “a creación dunha oficina pública que custodie de maneira centralizada e estandarizada todos os recursos desenvolvidos para a lingua galega xa que, na actualidade, atópanse diseminados en páxinas web ou en servidores internos dos desenvolvedores facendo complexa a súa procura”. En segundo lugar, segundo os investigadores, “é necesario investir na creación de bases de datos de recursos lingüísticos de calidade e gran tamaño con contido multimedia, dígase gravacións de audio ou vídeo, que cubran as distintas variantes e estilos da lingua falada no territorio galego”. En terceiro lugar, “apoiar a produción científica e a transferencia tecnolóxica baseada en tecnoloxías da fala e a linguaxe para que o galego gañe presenza en solucións comerciais e sexa considerado como un nicho de mercado de interese”.
AtlantTIC advirte que o galego é a lingua cooficial cun menor desenvolvemento de tecnoloxía lingüística
Compartir Este Artigo

