A Cámara da Coruña vén de pechar o prazo de solicitudes para participar nos programas InnoCámaras e TICCámaras, deseñados para axudar a pemes e persoas autónomas a ser máis competitivos e innovadores. Rexistráronse unhas 300 solicitudes de empresas para participar nos programas, co-financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, como medida de apoio para facer fronte ao impacto económico da COVID-19. O orzamento de axudas co que conta a Cámara para ambos os programas ascende a 260.000 euros, o que permitirá que se poidan beneficiar preto de 50 empresas da súa demarcación, informou a entidade cameral.
Por unha banda, o programa InnoCámaras, no que participarán 20 pemes da área coruñesa, está deseñado para contribuír á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas mediante a adopción de metodoloxías que “permitan incorporar a innovación de modo sistemático á súa actividade habitual”. O importe máximo da axuda por empresa é de 5.600 euros. Nunha primeira fase diagnostícase o nivel de competitividade da empresa e proporciónanselle unhas recomendacións nos aspectos clave para a competitividade. Unha vez finalizada esta fase, a empresa pode pór en práctica as recomendacións en innovación que resulten necesarias para a mellora nesta área, mediante axudas á implantación.
Pola súa banda, 27 empresas van participar no programa TICCámaras, co que a Cámara achega solucións para “mellorar a competitividade dos negocios a través da incorporación de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), como ferramentas de produtividade na nube, comercio electrónico ou mercadotecnia dixital”. As empresas optarán a unha axuda máxima de 5.600 euros.
A Cámara da Coruña impulsa a innovación e dixitalización de 50 pemes con 260.000 euros
Compartir Este Artigo

