O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu a coñecer este 9 de xuño detalles do proxecto municipal para converter a cidade en destino turístico intelixente. Segundo informou, solicitaranse 200.000 euros de fondos europeos para o dito proxecto, que incluirá a activación dun novo portal web de turismo, un novo observatorio con sistemas de análise de información a gran escala (Big Data) ou rutas temáticas interactivas.
A xunta de Goberno aprobou este 9 de xuño o proxecto de dotación de infraestruturas e elementos tecnolóxicos “para a transformación de Vigo en destino intelixente” e “para solicitar fondos do programa de transformación dixital das entidades locais do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia”. O Concello requirirá 200.000 euros, dos que 60.000 serán para actuacións referidas á sensibilización do sector e formación, e 194.000 euros serán para a transformación dixital.
O rexedor avanzou algunha das propostas: un novo portal web de Turismo de Vigo adaptado á estratexia de Destino Turístico Intelixente; un observatorio de Turismo cun sistema de intelixencia turística en destino a través de solucións Big Data; o deseño e o desenvolvemento de folletos dixitais; a xeración de rutas temáticas interactivas; a creación dun arquivo con imaxes inmersivas 360º dos principais puntos turísticos da cidade e das Illas Cíes; a dixitalización dos recursos turísticos e a posta en marcha de tecnoloxías de dinamización mediante gamificación e Realidade Aumentada.
Vigo converterase en destino turístico intelixente
Compartir Este Artigo

