Entre as novidades (todas elas relevantes) que foron dadas a coñecer no marco do Congreso Atlántico de Mercadotecnia Dixital que se celebrou a semana pasada en Pontevedra, o Congreso Flúor, destaca a posta en marcha oficial do Clúster do Ecommerce Galego. A entidade presentouse como “a reunión das empresas galegas que se adican a vender a través de Internet” e como “un grupo de compañías que teñen obxectivos, necesidades e dificultades comúns”.
As 10 empresas fundadoras son Carrick, Selmark, Fuikamar, El Vino del Mes, Krack, Cafés Candelas, Don Disfraz, Aceites Abril, Martín Codax e Cenor Electrodomésticos, e convidaron a unirse a máis compañías porque é “un proxecto aberto, que está a arrincar, e queremos ser máis socios fundacionais”. En palabras do presidente do Clúster, Xosé Luís Reza, “somos un sector que non nos coñecemos aínda entre nós e pensamos que hai moitas cousas que compartir”.
Xunto co presidente, integran o comité executivo a vicepresidenta, Judith Cabana, o secretario xeral, Alberto Cochón, e o tesoureiro, Iván Medina. No acto de presentación, Reza explicou que o obxectivo é “que convivan empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade dixital, e que unhas aprendan doutras”.
A participación está aberta a toda empresa que teña o seu domicilio social en Galicia, e que teña actividade de comercio electrónico. Igualmente, reunirá a empresas provedoras e tecnolóxicas do sector.
Segundo confirmaron, “o calendario de actividades iniciarase xa este verán, e incluirá eventos en diferentes cidades galegas, onde achegaremos casos de éxito e exemplos de boas prácticas locais”.
Os obxectivos do Clúster son “incentivar, apoiar e promover o desenvolvemento e expansión do comercio electrónico, compartir experiencias e aprendizaxes no ámbito do comercio electrónico, mellorar a competitividade dos nosos asociados para facer fronte aos retos tecnolóxicos e o poder dos grandes actores internacionais, e fomentar a colaboración con outras entidades, empresas ou organizacións que axuden a promoción e consolidación do comercio electrónico”.
O Congreso Flúor acolleu a posta en marcha oficial do Clúster do Ecommerce Galego
Compartir Este Artigo

