Un grupo de investigadores galegos está a participar, a través do CITMAGA, un proxecto europeo que ten por obxecto demostrar a viabilidade dun proceso industrial para producir un dos principais materiais utilizados na informática, o silicio, con baixo impacto ambiental. Trátase do proxecto SisAl Pilot, unha iniciativa que aposta de cheo pola fórmula do circula e o sustentable á hora de seguir creando novos dispositivos. Iniciado hai dous anos e cunha duración de catro, está financiado polo programa de investigación e innovación Horizon 2020 da Unión Europea, cun orzamento global que supera os 14 millóns de euros.
Coordinado desde a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), o proxecto está promovido por un consorcio internacional de 22 socios, do que forman parte centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais para a aplicación dos resultados, como Fundiciones Rey (Galicia), Befesa (Castela-León), Elkem (Noruega) ou Dow Corning (Estados Unidos). Pola parte española interveñen, ademais, a fábrica Rey Bronze Castings, a empresa mineira Erimsa, a de investigación SilBuCam e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), todos eles na comunidade galega.
Segundo informan dende o centro da nosa terra, os socios do proxecto reúnense a vindeira semana na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago para pór en común os principais avances logrados no último ano do proxecto. Posteriormente viaxarán a Vilagarcía de Arousa para asistir ás probas que se están realizando en Fundiciones Rey e Rey Bronze Castings en Cuntis. Os participantes na reunión proceden dos 9 países que integran o consorcio: Noruega, Alemaña, Francia, Islandia, Italia, Grecia, EEUU, Sudáfrica e España.

O proxecto pretende demostrar un novo proceso industrial para producir silicio que permita pasar do proceso actual, baseado na redución carbotérmica do cuarzo, a unha alternativa moito máis sustentable desde o punto de vista ambiental e tamén económico, utilizando materias primas secundarias como aluminio reciclado e finos de cuarzo. “Este proceso reducirá o consumo de enerxía e as emisións de contaminantes, logrando un maior rendemento económico”, explica o centro galego, salientando que tamén se permitirá “un consumo de enerxía tres veces menor e eliminar as emisións directas de CO2 e outros contaminantes nocivos”. Tamén se achegará marxe para transformar os subproductos derivados doutros procesos en novas materias primas como a alúmina metalúrxica.
No marco do proxecto SisAl Pilot, CITMAGA leva a cabo o modelado matemático e a simulación numérica dos diferentes tipos de fornos utilizados no novo proceso, para entender e avaliar as interaccións entre os fenómenos físicos que teñen lugar nos fornos e co obxectivo de mellorar o funcionamento e deseño dos mesmos e optimizar o seu rendemento. O equipo está integrado polos profesores da Universidade de Santiago e investigadores Dolores Gómez, Pilar Salgado e José Luís Ferrín, xunto a Branca García e Óscar Crego.
Investigadores do CITMAGA participan nun proxecto para obter silicio de xeito sustentable
Compartir Este Artigo

