Balidea presentou este xoves 16 de xuño na súa sede de Santiago os detalles dun dos grandes proxectos tecnolóxicos galegos deste ano, arredor do que xuntaron forzas a dita empresa TIC de Compostela e máis a francesa Axym. Trátase do desenvolvemento dun asistente virtual robotizado para mellorar a atención sociosanitaria das persoas maiores e que se poderá implementar a través de móbil, tableta ou robot. “Esta iniciativa”, explicaron nas xornadas de arrinque do proxecto, nas que participaron todos os socios, “propón unha solución a un dos grandes desafíos das vindeiras décadas: o avellentamento da poboación, co consecuente medre das súas necesidades en materia de coidados e atención, así como o aumento das doenzas crónicas, da dependencia e da soidade”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars e enmárcase na chamada Medicina KM 0.
GiDI
Co desenvolvemento do robot asistencial que propoñen estas dúas compañías, bautizado como GIDI, búscase atopar solucións que melloren a eficiencia na prestación de servizos sanitarios tendo en conta a dimensión social na prestación do servizo. Segundo salientou Balidea, o proxecto encádrase nun dos grandes piares da súa actividade: traballar para as persoas, e facelo empregando Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe de comunicación por voz, neste caso para facer un seguimento continuo dos pacientes desde as súas casas. “Grazas á posibilidade de dar asistencia simultánea a través de GIDI, as capacidades dos sistemas de atención sanitarias vense melloradas, sen esquecer que se incrementa e mellora tamén a atención personalizada”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars.
Nova estratexia para o coidado da saúde das persoas maiores
Balidea explicou que está a comprobarse que o incremento da poboación maior de 65 anos non vai acompañado do aumento proporcional do número de persoas coidadoras. Así, reflectiu a empresa compostelá, segundo o informe sobre o envellecemento de 2021 da Comisión Europea, prevese que a taxa de dependencia demográfica deste colectivo aumente de xeito significativo nas vindeiras décadas dentro da UE. Do 29% en 2010 pasouse ao 34% en 2019 e prevese que siga medrando ata o 59% en 2070. Isto supón pasar dunhas catro persoas en idade de traballar por cada persoa de 65 anos ou máis en 2010 a menos de dúas en 2070. “Os sistemas de saúde en Europa enfróntanse ao desafío combinado de dispoñer de recursos limitados e unha demanda crecente impulsada polo aumento de casos de enfermidades crónicas. Esta situación crea unha necesidade urxente de repensar a forma en que se prestan os servizos de saúde. Necesítanse novas estratexias para o coidado da saúde das persoas maiores, para mellorar a eficiencia e aumentar a xeración de coñecemento a partir do proceso”, apuntou a empresa tecnolóxica, engadindo que “para abordar estes problemas, Balidea e AXYN van desenvolver GIDI, un robot de asistencia médica e social que axudará aos nosos maiores para permanecer nos seus fogares o maior tempo posible e facilitará a xestión dos servizos de atención primaria e emerxencias, evitando a súa saturación e atendendo tamén a dimensión social dos pacientes”.
Segundo informaron, este robot é “unha resposta chave ao illamento social das persoas maiores, representando un compañeiro dixital capaz de comunicarse con elas, que lles permitirá resolver dúbidas de forma autónoma ou levar a cabo consellos de forma dixital”. O sistema, de feito, será capaz de xerar avisos e alertas tanto a familiares como aos servizos médicos a través dun sistema interoperable e seguro.
Vertente ética
Ambos os membros do consorcio recoñeceron ser “totalmente conscientes da dimensión ética da Intelixencia Artificial” e, por este motivo, a solución GIDI desenvolverase baixo a óptica de Ethics by Design ou ética desde o deseño, un marco de comportamento que garante os dereitos humanos, as liberdades persoais e, tamén, a autonomía das persoas na toma de decisións e a explicabilidade dos algoritmos. Así, na súa planificación contemplouse un paquete de traballo específico para xestionar e garantir estas cuestións que serán supervisadas por un comité a nivel europeo. Ademais, todos os aspectos relacionados co Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR) e en particular a seguridade dos datos serán tratados de forma específica. Dentro do enfoque ético desde o deseño proponse a participación das persoas usuarias desde o inicio ata a validación da solución.
As empresas socias
Neste proxecto o papel de Balidea centrarase no deseño e desenvolvemento da interface de usuario conversacional (CUI). O obxectivo é establecer unha canle de comunicación cos pacientes a través dun asistente virtual robótico capaz de interactuar coas persoas usuarias mediante a voz en dous idiomas, castelán e galego. Usando tecnoloxías da linguaxe, GIDI clasificará aos pacientes segundo a gravidade da súa condición e implementará protocolos personalizados de actuación.
Así mesmo, Balidea desenvolverá un algoritmo preditivo usando Intelixencia Artificial (IA) que lles permitirá aos servizos médicos dispoñer dunha predición de evolución dos pacientes e picos para os servizos de saúde e, polo tanto, unha óptima xestión dos recursos.
Por último, creará un backend intelixente para a ferramenta capaz de aplicar fluxos dinámicos baseados en modelos de datos e regras que permitirán a GIDI mostrar diferentes escenarios dependendo do perfil do usuario e a aplicación de protocolos médicos e sociais en función do resultado do cribado (Screening Protocol at Home, SPH). Este backend está deseñado para soportar unha arquitectura de servizos, o que permitiría a comunicación cos sistemas de saúde públicos e privados, establecendo un marco técnico que facilitaría a conexión a sistemas como os de solicitude de cita, urxencias sanitarias ou historia clínica.
O papel de Axym vai estar relacionado principalmente co deseño do robot. Evolucionarán un robot social que ademais de dar seguimento aos usuarios desde o punto de vista médico, moverase de forma autónoma polos seus fogares, podendo localizalos, identificalos e comunicarse con eles co comportamento máis humano e amigable posible.
Colaboradores
Como colaboradores de Balidea participarán o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo, que achegará apoio no desenvolvemento das interfaces conversacionais, e a Fundación IDIS, que se encargará de definir os cribados e protocolos médicos a aplicar.
En relación aos protocolos sociais, prevese contar coa participación de importantes empresas do ámbito sociosanitario, nas que se levará a cabo o proxecto piloto con potenciais persoas usuarias finais. Para iso prevese contar tamén coa participación de ITGALL, o LIVING LAB do ámbito dos coidados do CSG (Clúster Saúde Galicia), onde se testan solucións de base tecnolóxica e/ou dixital, creado a partir do proxecto europeo H2020 IN4AHA.
Balidea e Axym desenvolverán un asistente para axudar aos nosos maiores a ficar nos seus fogares durante máis tempo
Compartir Este Artigo

