A Universidade da Coruña ofrecerá o próximo curso dous novos graos, o Grao en Intelixencia Artificial, na Facultade de Informática, no Campus de Elviña, e o Grao en Relacións Internacionais, na Facultade de Humanidades e Documentación, no Campus Industrial de Ferrol.
A vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e os coordinadores dos novos graos, Jorge Quindimil, de Relacións Internacionais, e Bertha Guijarro, de Intelixencia Artificial, presentaron este venres 17 de xuño a nova oferta de graos do vindeiro curso.
Bertha Guijarro, coordinadora do Grao en Intelixencia Artificial (IA) da Universidade da Coruña amais de investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC), destacou que a IA “non é unha disciplina recente, pero necesitou dun tempo para implantarse na sociedade pois as tecnoloxías non estaban o suficientemente maduras”. E engadiu: “Isto cambiou, hai moitos avances en biotecnoloxía, manufactura, etc. que contribuíu a que agora estean a tecnoloxía suficientemente madura como para poder elaborar estudos ao seu arredor. Estes estudos ata agora formaban parte dalgunhas materias dos graos en Informática pero agora necesitan dunha especialización. No caso da Facultade de Informática da UDC, leva trinta anos impartindo docencia e realizando investigación nesta disciplina polo que a implantación deste grao é case natural”, explicou.
Tamén reflectiu estudos realizado por Microsoft, Linkedin e outras compañías, que “predín que a necesidade de especialistas en IA terá unha taxa de crecemento anual do 80% e agora mesmo é o perfil profesional máis demandado”, segundo puxo de relevo a coordinadora do Grao en IA da UDC, engadindo que “a única forma de cubrir estas demandas é a formación e países como China e Estados Unidos están incrementando as súa titulacións”. Por certo que en España, dixo, só se imparte en cinco centros, desde hai dous ou tres anos, aos que se suma agora o Sistema Universitario Galego, pois este título é interuniversitario pero se imparte de forma independente.
O Grao en IA da UDC abrangue todas as tecnoloxías necesarias para facer sistemas intelixentes. O terceiro curso e cuarto son de especialización que na UDC será Sociedade e Empresa Intelixentes, que dará “unha visión empresarial sobre como facer aplicacións intelixentes nas empresas”. Amais, ofertarase o cuarto curso en versión DUAL, co que o alumnado poderá elixir entre facer unha formación na universidade ou 48 dos 60 créditos nunha empresa baixo supervisión dun titor académico.
A UDC fortalece a súa oferta formativa avanzada co Grao de Intelixencia Artificial, na FIC
Compartir Este Artigo

