A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta cuarta semana de xuño catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para autónomos, pemes, profesionais e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con laminador, promoción do negocio con Google My Business, como crear campañas de correo electrónico para aloxamentos e como usar LinkedIn.
O martes 21 de xuño, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro Fabricación Dixital. Laminador resina preparación de impresións. Este curso ten como obxectivo dar a coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas no proceso de produción dixital. O obrsadoiro consta de 50 horas de duración e inclúese no formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía dixital no Viveiro de Empresas de Barro.
O mércores 22 haberá sesión dupla. Na quenda da mañá, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, conducirá o obradoiro Promociona o teu negocio con Google My Business no que a principal premisa é presentar esta ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Na da tarde, as 17h, a acción formativa será Como crear campañas de email que capten máis reservas ao teu aloxamento. Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo pola USC, será a encargada de impartilo. Ambas accións levaranse a cabo de xeito telemático.
O derradeiro dos obradoiros celebrarase o xoves 23, a encargada de impartilo será María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Como usar LinkedIn para empresas e profesionais con esta ferramenta amosará como crear un perfil profesional e unha páxina de empresa optimizada e como potenciar a nosa marca na rede profesional por excelencia.
SmartPEME imparte esta semana catro novas accións formativas
Compartir Este Artigo

