R e o seu socio tecnolóxico S2 Grupo participan este martes 21 de xuño nas charlas formativas sobre ciberseguridade do nodo CIBER.gal da Xunta. Será un encontro virtual ás 9:30 h, enmarcado no programa de charlas do nodo de ciberseguridade da Xunta CIBER.gal para abordar temas sobre seguridade en contornas dixitais.
Coa guía de Hilario Miró, responsable da unidade de negocio de Concienciación de S2 Grupo, e as achegas da experta en ciberseguridade e membro da Oficina de Protección de Datos de R, Susana Rey, o auditorio coñecerá cales son os plans estratéxicos clave para mellorar a cultura empresarial no terreo da seguridade dixital. Na cita colabora a Deputación de Lugo.
A idea, explica a operadora de orixe galega, é “lles facilitar aos profesionais que conforman os cadros de persoal das empresas coñecementos, información e ferramentas para amortecer e reducir, na súa vida laboral e diaria, os riscos necesariamente unidos a un mundo dixitalizado”. En palabras de R, “as persoas somos o primeiro escudo de protección ante as ciberameazas, e para adestrarnos nesa defensa a ferramenta primeira é a concienciación”.
Sobre esta premisa articularase o webinario Como concienciar o persoal sobre a ameaza existente: o factor humano, onde Hilario Miró compartirá tamén a súa experiencia no desenvolvemento e despregadura de plans de culturización no terreo da ciberseguridade.
Miró destacará, entre outras cousas, a transcendencia de “mellorar a conduta das persoas á hora de xestionar un risco para que se convertan nunha medida máis de protección nas organizacións”. O portavoz de S2 Grupo subliñará tamén que “igual que a conduta insegura das persoas introduce riscos na organización, unha conduta segura pode converterse en salvagarda moi efectiva”.
Para Susana Rey o esencial na contorna da empresa é, tamén, “pór o foco na persoa cando a organización aborde calquera estratexia de ciberseguridade”. Por iso, segundo a experta nesta materia, hai que mentalizar, concienciar a fondo os equipos e os/as profesionais, da importancia de traballar en contornas dixitais protexidas e seguros.
R e S2 Grupo mostran como converter aos profesionais dunha empresa en expertos en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

