A Comisión Europea vén de resolver a convocatoria para a selección dos Hubs Europeos de Innovación Dixital (EDIH polas súas siglas en inglés). Dos 26 candidatos españois, 23 conseguiron o selo de excelencia que lles permite denominarse “EDIH”, aínda que só a metade recibirá apoio financeiro por parte da Comisión Europea. DataLife concorre cun proxecto de case seis millóns de euros a desenvolver en tres anos, co-financiado ao 50% pola Comisión Europea. Será, desta forma, o único hub galego que percibirá este apoio.
Segundo informan os responsables de DataLife, estes fondos permitirán o despregue da súa carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas das cadeas de valor de agro-mar, alimentación, forestal-madeira, saúde-coidados e biotecnoloxía en Galicia. Dende o hub galego salienta tamén “a alta puntuación outorgada a DataLife pola Comisión Europea no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como as principais políticas europeas de dixitalización”.
O proxecto será coordinado por DIH DataLife e no consorcio están gran parte dos seus asociados. Con eles, o hub, agora distinguido co selo de excelencia EDIH, poderá dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitar o acceso a financiamento, impulsar a formación en dixitalización e promover que as empresas proben tecnoloxías disruptivas sen custo.
Segundo explican, “o recoñecemento da Comisión Europea a DataLife apoia a aposta da Axencia Galega de Innovación que apoia ao hub desde que foi escollido como estratéxico para Galicia en 2019”. De feito, o financiamento europeo virá complementar os fondos cos que xa conta DataLife, que recibe apoio en forma de convenio coa Axencia Galega de Innovación, pero que tamén conseguiu financiamento do IGAPE na convocatoria competitiva de Obradoiros 4.0 e no proxecto HIBA de fondos Interreg-POCTEP.
DataLife será o único Hub de Innovación Dixital galego que reciba apoio económico da UE
Compartir Este Artigo

