O célebre streamer Ibai Llanos organizou esta fin de semana en Badalona unha velada de boxeo con varios combates protagonizados por celebridades de Internet, que remataba co combate estelar entre o cantante David Bustamante e o youtubeiro Míster Jägger, que demostrou a forza da comunidade castelanfalante na Internet ao establecer unha nova marca de espectadores simultáneos en Twitch.
3,3 millóns de espectadores rexistráronse durante o minuto de ouro da velada, que de media tivo 2,4 millóns de espectadores. Os anteriores records de espectadores simultáneos en Twitch conseguíranos TheGrefg con 2,5 millóns e Xocas con 1,2 millóns, dando a impresión de que os directos na Rede teñen cada vez máis pulo e avanzan para poder compararse ás retransmisións en plataformas tradicionais.
Cómpre salientar que, pese a ser un evento en directo, en Twitch acumula máis de 46,7 millóns de reproducións e os distintos vídeos da canle de Ibai sobre a velada tamén suman máis de 25 millóns de reproducións, deixando constancia que a creación de retransmisións na Rede tamén teñen relevancia nas horas seguintes, o que xunto ao impacto en redes sociais supón unha proxección difícil de imaxinar hai poucos anos.
Até 3,3 millóns de espectadores seguiron unha velada de boxeo por Twitch
Compartir Este Artigo
