Un grupo de alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo vén de gañar un dos cinco premios do I Concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, convocado pola plataforma de contidos Netflix e o organismo estatal Turespaña. O proxecto, titulado Amor viajero. Un viaje para el recuerdo foi premiado con 7.000€, que deberán destinase a producir, filmar e postproducir a curta antes de que remate este ano 2022.
Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño presentaron o pasado 14 de xuño a súa idea a responsables de Netflix e Turespaña nun pitch no que contaxiaron o seu entusiasmo e prepararon deste xeito o posterior recoñecemento, xunto con centros de Langreo, Zaragoza, L’Hospitalet e Granada.
Segundo informa a Deputación lucense, ao longo do curso os estudantes compatibilizaron as súas obrigas académicas coa elaboración dun proxecto que se adaptase ás bases do concurso organizado por Netflix e Turespaña, unha proposta que “debía plasmar a esencia de España, das súas xentes, paisaxes, tradicións ou gastronomía, amosando formas de vida sustentables que coiden o medio ambiente, a economía e o patrimonio socio-cultural”. Os alumnos, supervisados polo seu titor, Hugo Fernández, escribiron unha historia na que, ademais do aspecto turístico, abordaron outros asuntos, como o alzhéimer e a visibilidade LGTBI.
Amor viajero conta a historia de Eugenia, unha anciá que comeza a ter problemas de memoria. Cando a súa neta atopa unas vellas fotografías da súa mocidade parece recuperar a lucidez. Como terapia, a rapaza decide percorrer os destinos das fotografías replicándoas para estimular os recordos da súa avoa, entre os que xurde un amor de xuventude.
Alumnado do Centro de Audiovisuais lucense, premiado nun concurso de curtas de Netflix e Turespaña
Compartir Este Artigo

