Este martes 5 de xullo comezou a súa nova andaina o Programa Girl STEAM, destinado a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as novas xeracións, facendo fincapé na poboación feminina a través de referentes construtivos e inspiradores. O programa vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
As dúas entidades reforzaron o cometido de botar abaixo todos os prexuízos e ideas preconcibidas que impiden ás rapazas convertérense en tecnólogas. Tamén porán o foco en favorecer un uso creativo e igualitario da tecnoloxía, derrubando os estereotipos.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros prácticos e presenciais nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este ano, búscase principalmente o achegamento a aqueles municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comezou na aula CeMIT de Cuntis e durante a primeira semana de actividade desenvolveranse xornadas tamén en Tomiño e Celanova ás que lle seguirán Carballedo, Fisterra, Guitiriz, Riotorto, Castrelo de Miño, Leiro, A Cañiza, Santa Comba, Ribadeo, Ortigueira, Betanzos, Arzúa, e adicionalmente este ano tamén celebrarase no Centro GaiásTech na Cidade da cultura.
Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. O aforo máximo por quenda será de 15 e as sesións dispoñibles poden consultarse a través da páxina web de CeMIT, desde onde se poderá reservar a praza e desde a web de Digitalent.
O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma creativa e inspiradora, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con Scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de cómics interactivos con Makey Makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
A maiores, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
AMTEGA e AGASOL buscan con este programa “mostrar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC”.
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración anual entre as dúas entidades nas liñas de acción do Plan DigiTalent da Xunta de Galicia que entre outros obxectivos ten os de estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas.
Calendario de realización dos obradoiros
4 de Xullo: Cuntis – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
5 e Xullo: Cuntis – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
6 de Xullo: Tomiño – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
7 de Xullo: Tomiño – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
8 de Xullo: Celanova – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
26 de Xullo: Santiago de Compostela Gaiás Tech – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
27 de Xullo: Santiago de Compostela Gaiás Tech – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
28 de Xullo: Carballedo – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
3 de agosto: Fisterra – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
4 de agosto: Fisterra – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
5 de agosto: Celanova – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
9 de agosto: Guitiriz – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
10 de agosto: Riotorto – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
11 de agosto: Guitiriz – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
16 de agosto: Castrelo de Miño – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
16 de agosto: Leiro – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
17 de agosto: Castrelo de Miño – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
17 de agosto: Leiro – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
18 de agosto: A Cañiza – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
19 de agosto: A Cañiza – Obradoiro Steam para rapazada (12 a 15 anos)
22 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Steam para rapazada (12 a 15 anos)
23 de agosto: Ribadeo – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
23 de agosto: Ribadeo – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
25 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
26 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
29 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
30 de agosto: Betanzos – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
31 de agosto: Betanzos – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
1 de setembro: Arzúa – Obradoiro Steam para rapazada (8-11 anos)
2 de setembro: Arzúa – Obradoiro Steam para rapazada (12-15 anos)
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT pode consultarse vía web.
AMTEGA, AGASOL e a Rede CeMIT arrancan os obradoiros de verán para incentivar as vocacións STEAM
Compartir Este Artigo

