O servizo de Internet mediante satélites de baixa altura de Starlink é a grande esperanza para moitos usuarios que viven afastados das redes de banda larga tradicionais, aínda que os seus prezos sexan bastante elevados, partindo dunha mensualidade de 108 euros para localizacións fixas e de 133 euros se queremos gozar do servizo en mobilidade (pensando, por exemplo, no seu uso en lugares de vacacións ou en autocaravanas).
A posibilidade de contratar Internet de localización variable en terra era unha grande esperanza para as embarcacións, afeitas a pagar elevadísimas cantidades económicas para poder gozar de telecomunicacións, e finalmente está aquí o servizo de Starlink Marítimo, que será unha decepción para moitos por mor do seu prezo, aínda que tecnicamente é unha importante mellora fronte ás tecnoloxías que empregan os seus competidores.
Neste momento están abertos os pedidos dende os EE.UU., e a mensualidade do servizo sería de 5.000 dólares (ao que habería que engadir 10.000 dólares en equipamento), aínda que cómpre salientar que este servizo, como acontece tamén co de mobilidade en terra, conta coa función de poder pausarse (de xeito que só habería que pagar realmente os meses nos que se use).
O Starlink Marítimo ofrece conexións duns 350 Mbps e ten cobertura actualmente en boa parte das costas de EE.UU., Europa, Brasil, Arxentina, Australia e Nova Zelandia, así como en todo o mar Mediterráneo, estando previsto que esta cobertura sexa global a primeiros de 2023.
Dende Starlink aseguran que o seu equipamento marítico resiste frío e calor extremos, sarabia, torba, chuvia intensa e furacáns; ocupa un espazo reducido sobre a cuberta e resulta doado de instalar. Tamén comentan que os servizos cos que compiten cobran 150.000 dólares/mes por conexións moito peores, polo que entendemos que nos vindeiros meses o sector da banda larga marítima vai revolucionarse, aínda que quede lonxe do sono de poder gozar do servizo a un prezo de pouco máis de 100 euros/mes.
Starlink ofrecerá banda larga a embarcacións
Compartir Este Artigo
